Piragüismo

Castrelo de Miño acolle o Campionato Galego de Inverno de piragüismo

A proba contará con 732 inscritos pertencentes a 26 clubs galegos, repartidos entre as categorías infantil, cadete, xuvenil, sénior e veterán.

Óscar Gómez

Ourense | 01.02.2023 08:51

Castrelo de Miño acolle o Campionato Galego de Inverno de piragüismo
Castrelo de Miño acolle o Campionato Galego de Inverno de piragüismo | onda cero

Castrelo de Miño acollerá este sábado, 4 de febreiro, o Campionato Galego de Inverno K4-C4, que servirá de arrinque de tempada para o piragüismo galego na disciplina de augas tranquilas.

A presentación desta proba tivo lugar no Pazo Provincial e contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea; o coordinador de Deporte Escolar da Xunta de Galicia en Ourense, Carlos Bericat; e o presidente do club piragüismo Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés García.

 Campionato Galego de Inverno de piragüismo
Campionato Galego de Inverno de piragüismo | onda cero

Esta competición, organizada pola Federación Galega de Piragüismo coa colaboración da Deputación de Ourense, celebrarase o vindeiro sábado en xornada de mañá e tarde, e contará con 732 deportistas inscritos pertencentes a 26 clubs de toda Galicia, repartidos entre as categorías infantil, cadete, xuvenil, sénior e veterán. En canto á distancia da proba, esta será de 3.000 metros para todas as categorías.