O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo a Catedral de Ourense como un “claro exemplo da aposta do Goberno coa recuperación arquitectónica da provincia” que contou cunha axuda de 200.000 euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través do programa 1,5% cultural. Fíxoo durante unha visita ao edificio na que supervisou as obras do altar maior da Catedral que se realizaron grazas a este plan do Goberno que permitiu na provincia de Ourense a recuperación do BIC de O Castro no Barco de Valdeorras ou o entorno do Mosteiro de Santa María de Montederramo, cun investimento total de 550.000 euros.
Durante a visita, o delegado estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o obispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos; o delegado de Patrimonio da Diócese, Luis Cuña; e o xefe territorial da Xunta de Galicia, Jorge Rubén Sampedro.
As actuacións que se levaron a cabo consistiron na restauración da policromía dos púlpitos e a renovación das rexas do altar maior. “Un edificio de suma relevancia dado o gran valor turístico e histórico dun edificio tan significativo para a terceira cidade de Galicia”, explicou o delegado.
Nesta liña, Pedro Blanco puxo en valor que, nos últimos anos, este programa mobilizou 8 millóns de euros en Galicia, dos que 5,2 millóns foron aportados polo Goberno. Estas axudas destináronse a 11 actuacións que tiveron un forte impacto nas catro provincias. As máis destacadas corresponden á restauración da Casa da Veeduría na Coruña, para a que o Goberno achegou 1,2 millóns de euros; a restauración do pavillón historicista e o muro perimetral de San Martín Pinario en Santiago, que contou cunha axuda de 861.004 euros, e a rehabilitación do pazo de Quintáns en Sanxenxo, que o Goberno financiou con 1,3 millóns de euros, entre outras.
Convocatoria do 2% cultural
O delegado salientou que o compromiso do Goberno coa conservación e posta en valor do patrimonio reflíctese no incremento que experimentou a porcentaxe de financiamento deste programa na convocatoria do 2023. Elevouse, así, do 1,5% ao 2% a porcentaxe da totalidade de investimentos executados en infraestruturas para fornecer esta iniciativa. Esta decisión tradúcese en 20 millóns de euros máis, ata un total de 80 millóns de euros dispoñibles na convocatoria deste ano. Con esta cantidade, o Goberno prevé mobilizar investimentos de 110.000.000 e realizar máis de 100 actuacións en toda España.