Traballadores do Concello de Ourense volveron a mobilizarse na praza maior contra os cambios que o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome quixo introducir nas bases do plan de estabilización que afecta a 105 empregados e na Oferta de Emprego Público. Dende o sindicato CCOO, Manuel Pérez lembraba que todolos sindicatos votaron en contra das decisións unilaterais do rexedor e pediron que se aprobase en Xunta de Goberno o que fora acordado con anterioridade.
Sobre o plan de estabilización os sindicatos lembran que foi aprobado polo goberno central para aplicar nas administracións e rematar cas interinidades.
No caso do Concello de Ourense dende CCOO alertaban de que "se aveciñan dias moi negros para os afectados de consumarse os cambios ao apostar o alcalde por dar oportunidades a outras contratacións externas" polo qu enon descartan unha "avalancha de denuncias", entrelas as do propio sindicato que xa ten o caso en estudo na sua asesoría xurídica.
Entende o voceiro de CCOO no Concello Manuel Pérez que a motivación do alcalde para mudar as bases e dar oportunidades a outras persoas baséase en que estes traballadores son "enchufados" sinalando que "a gran maioría entraron con distintas situacións e para cubrir necesidades de servizos, sendo en todo caso culpa da administración se no seu día non fixo ben as cousas".
Na rede social X o alcalde Gonzalo Jácome ampárase en pronunciamentos do Tribunal Supremo nos que cuestiona as características dos procesos de estabilización á hora de dar as mesmas oportunidades a calquera persoa que poida aspirar a unha praza pública ca mesma experiencia.