CCOO congratúlase pola entrada en vigor da renda mínima
O sindicato pídelle á Xunta que destine o orzamento da Risga a complementar as prestacións de inferior contía
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia congratúlase pola entrada en vigor do ingreso mínimo vital, unha reivindicación histórica do movemento sindical que reforza o Estado do benestar. Esta renda mínima, ademais de completar un baleiro de cobertura na rede estatal de protección social, era imprescindible xa desde o inicio da crise provocada pola COVID-19.
En opinión de CCOO, a aprobación deste ingreso mínimo non debe excluír que se mellore a súa regulación durante o seu trámite parlamentario, e debe ser acompañado da tramitación parlamentaria iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada por este sindicato e a UGT hai xa cinco anos e que leva parada no Congreso desde hai catro.
Esta nova prestación perdurará mentres persista a situación de vulnerabilidade familiar. Tamén posibilitará que as persoas que accedan a ela se poidan reintegrar ao mercado de traballo grazas a medidas de fomento do emprego ou de inserción social.
Por esta razón, sen prexuízo do labor de acompañamento dos servizos sociais, CCOO esixe un seguimento permanente de cada caso por parte dos Servizos Públicos de Emprego, cun desenvolvemento dos itinerarios de formación específicos para conseguir a maior empregabilidade a curto prazo.
Ao mesmo tempo, CCOO esixe que se inicie, sen máis dilación, a tramitación ILP de prestación de ingresos mínimos, apoiada por 710.000 sinaturas e que leva catro anos bloqueada no Congreso. As políticas de austeridade da última década, con especial intensidade durante os Gobernos do PP no Estado, recortaron o gasto público social e multiplicaron a pobreza. Actualmente, o gasto social en España segue sendo moi inferior á media europea e moi por baixo do nivel de desenvolvemento económico.
Por esta razón, CCOO coida urxente e imprescindible impulsar a protección social das persoas, máis aínda despois desta crise, mediante unha nova prestación non contributiva da Seguridade Social. De aprobarse esta ILP, beneficiaría un número moito maior de persoas en situación de necesidade.
Reorientar o orzamento da Risga
Por último, CCOO pídelle á Xunta de Galicia que o orzamento que destinaba á renda galega de inserción social (Risga), «que agora non vai gastar», o destine a complementar as contías das prestacións máis baixas, como pode ser o caso das pensións non contributivas ou do novo ingreso mínimo vital.