Ata Allariz achegáronse miles de visitantes durante estes días festivos, das cales unha pequena parte das persoas que nos visitaron, acercáronse a Oficina de Información Turística. Case 2100 persoas foron atendidas, sendo o 46% visitantes de Galicia. O 54% restante distribúese entre persoas chegadas da Comunidade de Madrid, un 19%, do Pais Vasco un 9% e de Castela Léon un 6%. Máis do 7% das persoas proceden doutros países como Portugal, Francia, etc.
Segundo explica Xosé Manuel González, técnico de Turismo do Concello de Allariz, “a xente achégase a visitarnos grazas en parte o boca a boca, atraídas pola marca Allariz, así como pola ampla programación que se oferta dende fai anos”.
A programación deste ano contaba con música na rúa, mostra de artesanía local,visitas guiadas e roteiros infantís os cales completaron a súa capacidade en todas as quendas ofertadas. Ás actividades organizadas dende o Concello, complementáronse con visitas guiadas en Santa Mariña de Augas Santas así coma na Cibdá de Armea e no Rexo.
As expectativas superáronse en canto á ocupación hoteleira, que roldou o 98%, sobre todo nos días festivos e fin de semana. En canto a hostalería local volveu recuperar números de anos anteriores, tendo que realizar varias quendas para poder así dar cabida a todas as persoas.
A rede de museos continúa a ser un dos principais atractivos e así o demostran os datos da venda de entradas. “ O Museo Galego do Xoguete segue a ser o máis visitado, seguido de igual xeito do Museo da Moda. Ademais a gastronomía e a restauración, así como a oferta comercial local, as tendas outlet e as tendas de artesanía, son parte importante do reclamo para as persoas que nos visitan. A Semana Santa en Allariz é un importante motor de dinamización na economía local”, sinala a Alcaldesa Cristina Cid.
O bo tempo foi un bo aliado para que as rúas de Allariz estivesen ateigadas de xente, que propiciaron que sectores como a hostalería e o comercio tiveran bos resultados de vendas. María López, concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio explicaba “estes sectores merecían unha recompensa despois destes tempos de pandemia e incerteza que vimos de pasar. Se esta Semana Santa pode tomarse coma o preludio da tempada de verán, as expectativas son inmellorables para o noso concello”.