A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de autorizar ao Concello de Ourense as obras de reconstrución das instalacións termais da Chavasqueira.
Así, a CHMS remitiu a súa resolución favorable á Concellería de Termalismo, logo de que desde este departamento municipal se realizasen todos os trámites para legalizar estas instalacións termais en dominio público hidráulico e zona de policía da marxe dereita do río Miño.
A concelleira de Termalismo, Flora Moure, agradece a cooperación da CHMS e recalca que “este é o froito dun traballo moi intenso que realizamos desde a Concellería para acadar desbloquear un proxecto fundamental para o Termalismo da cidade, recuperando así un dos símbolos termais da nosa cidade”.
Flora Moure destaca o inmenso e eficaz labor dos técnico de Termalismo, e anuncia que agora seguirán os traballos administrativos, a través de áreas municipais como Urbanismo e a propia empresa concesionaria da instalación, para axilizar ao máximo a reconstrución desta instalación termal arrasada por un incendio hai tres anos.