O Centro Integrado de Formación Profesional a Farixa impulsa dous proxectos de innovación que optarán aos premios de innovación tecnolóxica e didáctica da Xunta de Galicia e que implican xa na súa realización a múltiples departamentos do centro, alumnado e tamén departamentos de centros colaboradores como é o caso da Universidade Laboral, o CIFP A Carballeira, ou o IES 12 de Outubro, xunto con empresas do tecido empresarial de Ourense como Ingeo,Saltoki, Vsion Studio ou institucións como a Universidade de Vigo.
Desde hai uns meses xa forma parte das instalacións do centro un contenedor marítimo que é obxecto do primeiro dos proxectos e que prevé convertirse nunha vivenda piloto autónoma. Coordinado por Iria Fírvida, profesora da área de Enerxía e Auga, plantéxase como un auténtico laboratorio experimental que permitirá ao alumnado aplicar coñecementos de primeira man a un proxecto en construción que implica un traballo multidisciplinar asociado aos estudios dos departamentos e centros que participan nel: Enerxía e auga, Obra civil, Electricidade e electrónica e Imaxe e Son, do CIFP A Farixa, Fabricación mecánica, do IES 12 de Outubro e Instalacións e mantemento, do IES Universidade Laboral.
O proxecto ten como obxectivo modificar un contedor marítimo para convertelo nunha aula tecnolóxica didáctica de enerxías renovables. Nunha primeira fase executarase a apertura de ocos e colocación de fiestras e portas, para a continuación empregar solucións construtivas eficientes que diminúan a demanda enerxética do contedor.
Instalaranse sistemas tecnolóxicos que permitirán a máxima autonomía dos espazos didácticos creados na aula, con aproveitamento das seguintes fontes de enerxía primarias renovables: solar térmica, fotovoltaica, aerotermia e xeotermia. O proxecto inclúe o deseño dun sistema de monitorización que recollerá información sobre o funcionamento dos sistemas de captación de enerxía e dos puntos de consumo e redes de distribución. Deseñarase un algoritmo que establecerá as ordes para a regulación e control dos sistemas, obtendo datos sobre produción, gasto enerxético, rendementos…
Realizarase ademais a produción dun documental sobre a construción da aula tecnolóxica dende a gravación, execución técnica ata a montaxe do produto final. Segundo Jose Manuel Paredes, director do centro “este proxecto é, probablemente a aventura máis ambiciosa de todas en cantas nos teñamos embarcado ata ao momento, pola súa ambición técnica por unha parte, pero tamén pola cantidade de profesionais e alumnado implicados”.
Formación profesional inmersiva
A profesora Emma María Cid Alonso, encargada do Departamento de emprendemento do CIFP A Farixa coordina o segundo dos proxectos en colaboración cun equipo da Universidade de Vigo que prevé o deseño de metodoloxías inmersivas para a formación profesional. Segundo Jose Antonio Sarmiento, membro do equipo de traballo e orientador do centro “cunha análise dos currículos da formación profesional confirma que a maior parte dos contidos básicos que aparecen neles son de tipo procedemental, polo que as experiencias inmersivas baseadas en novas tecnoloxías, amósanse como unha excelente opción didática para os procesos de ensinanza-aprendizaxe deste tipo de estudos.
Elaboraranse materiais e deseñaranse metodoloxías a tal efecto a través de ferramentas de realidade virtual e vídeo interactivo de 360º. Ademais do CIFP a Farixa como coordinador e da Universidade de Vigo, o equipo do proxecto conta coa implicación do CIFP Universidade Laboral e o CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel.