Educación

O CIFP de Vilamarín tendrá tres ciclos duais e 90 prazas máis

Román Rodríguez destaca que a conversión en CIFP é unha “aposta firme” polo impulso da especialización na Formación Profesional e de “apoio ao rural galego”.

Óscar Gómez

Ourense | 12.06.2023 08:48

O CIFP de Vilamarín tendrá tres ciclos duais e 90 prazas máis
O CIFP de Vilamarín tendrá tres ciclos duais e 90 prazas máis | onda cero

Román Rodríguez explicou ao equipo directivo que a nova organización responde a “unha aposta firme” da Xunta de Galicia polo impulso da especialización e a innovación no eido da FP e, neste caso, “de apoio ao rural galego”. Non en balde, o novo CIFP Vilamarín será o cuarto de Ourense e o primeiro nun concello do rural desta provincia, posto que os outros tres (A Carballeira-Marcos Valcárcel, A Farixa e Portovello) están na propia cidade.

O titular de Educación do Goberno galego subliñou que isto “vai moito máis aló” que un cambio de denominación, xa que na práctica supón unha ampliación da oferta formativa e un reforzo das familias profesionais que se imparten nel, o que vai afianzar “o seu liderado como centro referente das ensinanzas de Hostalaría e turismo”.

Colaboración co sector socio-económico

Román Rodríguez tamén sinalou que neste proceso “é fundamental o establecemento de sinerxías cos sectores socio-económicos da contorna” e, neste senso, aludiu aos diversos encontros que se están realizando cos distintos axentes empresariais no marco do Plan Conecta FP para o deseño dunha oferta de FP aliñada coas demandas do mercado.

De feito, a falta de aprobar oficialmente nos vindeiros días a oferta final destas ensinanzas para o próximo curso, no caso deste novo CIFP Vilamarín, Román Rodríguez avanzou que o centro incorporará tres novos ciclos de modalidade dual en Xestión de aloxamentos turísticos, en Dirección de servizos de restauración e en Dirección de Cociña, que sumarán un total de 90 prazas máis.

Ademais, estes dous últimos, incorporarán tamén unha oferta parcial de módulos de outros ciclos para reforzar a formación do alumnado e atender ás necesidades transmitidas polo sector produtivo. Así pois, o ciclo dual de Dirección de servizos de restauración terá unha oferta parcial de Xestión de aloxamentos turísticos, e o de Dirección de cociña teraa de Produción agroecolóxica. “Todo isto é posible -asegurou co conselleiro- grazas a implicación e ao compromiso” dunha vintena de empresas destes sectores.

A transformación deste instituto en Centro Integrado de Formación Profesional -de cuxo acordo deu conta o pasado Consello da Xunta- é unha aposta polo sector agro-hostaleiro, no que xa é unha referencia, e pola hostalaría sostible de quilómetro cero.

Innovación e emprendemento

Actualmente hai 24 centros integrados de FP na Comunidade e o vindeiro curso elevaranse a 27 coa incorporación de Vilamarín, Montecelo en Pontevedra e Audiovisual en Vigo, un pasos clave para seguir potenciando a Formación Profesional en calidade e empregabilidade grazas a unha oferta modular, flexible e adaptada ás necesidades.

Esta rede, que aglutina un 46% das matrículas dos máis de 60.000 alumnos que cursan ciclos formativos en Galicia, xoga un papel destacado na innovación. Non en balde, contan con aulas de tecnoloxía aplicada dotadas cos equipamentos máis avanzados. Outra das súas liñas de traballo é o emprendemento, a través dos viveiros de empresas que funcionan neles e nos cales se prioriza a relación constante co sistema produtivo. .

Presenza da FP Galega no Salón Salimat

Posteriormente, o conselleiro Román Rodríguez e directora xeral de FP desprázanse á Silleda para visitar o stand da Xunta dedicado á Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca. Neste espazo ofrécese información sobre os diferentes ciclos e modalidades de FP que se imparten no sistema educativo galego, sobre as súas saídas profesionais e sobre o proceso de acreditación de competencias, entre outros.

Para iso, o expositor está atendido por persoal da Consellería e por orientadores e dinamizadores de empresa do propio centro de Vilamarín e dos CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), Manuel Antonio (Vigo) e A Granxa (Ponteareas).

Todos eles realizan diversas actividades de showcooking e degustacións de produtos elaborados polo alumnado, ao que o conselleiro felicitou persoalmente e agradeceu que aproveitaran “esta boa oportunidade” para promocionar a FP en xeral e, en particular, “as familias profesionais máis directamente relacionadas coa temática deste evento” entre os visitantes do salón.