Os clientes de Supermercados Gadis volveron a mostrar o seu lado máis solidario coas familias desfavorecidas colaborando de forma notable coa campaña “La gran recogida”. En total, doaron 153.483 € e 211.050 quilos de produtos de alimentación non perecedoiros, así como de droguería e hixiene. Todos os puntos de venda da compañía en Galicia e Castela e León participaron nesta acción solidaria que promove a Federación Española de Bancos de Alimentos FESBAL para o Nadal.
“Comer no puede ser un lujo” é o lema co que se lanzou en 2022 a campaña que, no caso dos Gadis, desenvolveuse desde o 25 de novembro ata o pasado 3 de decembro. Xornadas nas que contaron coa colaboración de voluntarios, a implicación do equipo humano e, fundamentalmente, a gran xenerosidade dos seus clientes.
Supermercados Gadis repartirá a axuda entre os 11 bancos de alimentos cos que coopera habitualmente: Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora. Estas entidades, á súa vez, distribuirano de forma directa entre as asociacións e ONG que atenden a máis de 30.000 familias con poucos recursos de Galicia e Castela e León.
Gadis, con “La gran recogida” desde 2014
Oito anos cúmprense da colaboración ininterrompida de Supermercados Gadis con “La gran recogida” que, nesta edición, recuperou a entrega física de produtos nalgúns puntos de venda e tamén mantivo a fórmula dos dous últimos anos de contribución económica ao pasar por caixa. Un método que permite aos bancos de alimentos trocar a achega polos produtos de alimentación, hixiene e droguería que máis se axusten ás súas necesidades.
A solidariedade é un dos puntos fortes do programa de Responsabilidade Social Corporativa, que GADISA retail articula tanto a través de iniciativas propias, como Maio Solidario, e tamén apoiando o labor de infinidade de institucións benéficas e ONG co propósito de construír unha sociedade mellor entre todos.