Voleibol

O Club Voleibol Ourense ao asalto da Superliga Feminina

As ourensás afrontan a fase de ascenso como anfitrioas no polideportivo do Pompeo, nun torneo que se disputará do venres 21 ao domingo 23 de abril.

Óscar Gómez

Ourense | 19.04.2023 12:09

O Club Voleibol Ourense ao asalto da Superliga Feminina
O Club Voleibol Ourense ao asalto da Superliga Feminina | onda cero

O polideportivo do Pompeo acolle, desde este venres 21 até o domingo 23 de abril, a fase de ascenso da Primeira División á Superliga Feminina de Voleibol. E o Aceites Abril C.V. Ourense será un dos seis equipos que compitan polas dúas prazas que dan dereito ao ascenso de categoría.

Dous anos despois da súa primeira tentativa, as xogadoras ourensás deberán enfrontarse aos equipos campión e subcampión dos tres grupos nacionais da Primeira División de voleibol feminino: Agrupación Deportiva Voleibol Astillero de Cantabria, Aceites Abril Club Voleibol Ourense, Garden Hotels Mallorca Volley, Ramón Soler Club Esportiu Voleibol L'Hospitalet, Club Voleibol Guía de Gran Canaria e Club Voleibol Finestrat de Alacante.

O sistema de competición será o do enfrontamento todos contra todos, con dous grupos de tres equipos. O Club Voleibol Ourense, encadrado no grupo B, terá que enfrontarse o venres ao Guía Gran Canaria e ao Mallorca Volley.

O sábado pola tarde disputaranse os partidos correspondentes ás semifinais e o domingo pola mañá concluirá o torneo co partido para o terceiro e cuarto posto a partir das 10.00 horas e coa gran final que se disputará a partir das 12.30 e que proclamará ao gañador como o Campión da Primeira División Nacional de Voleibol Feminino.

O Club Voleibol Ourense organiza este torneo conxuntamente coa Real Federación Española de Voleibol, e será de acceso libre para todos os afeccionados.