Ourense Cidade

Os coches ecolóxicos pagarán menos impostos en Ourense

Aprobada a emenda do Partido Popular de Ourense na que solicita a redución do pago do imposto de circulación aos vehículos máis ecolóxicos da cidade.

Óscar Gómez

Ourense | 25.06.2021 12:25

Os coches ecolóxicos pagarán menos impostos en Ourense
Os coches ecolóxicos pagarán menos impostos en Ourense | onda cero

A Comisión de Pleno celebrada esta mañá ditaminou favorablemente (cos votos a favor do PP, DO e Cs; e a abstención de BNG, PSOE e edil non adscrito) a emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense para a modificación ao proxecto de ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, recentemente aprobada en xunta de goberno e que será aprobada no vindeiro Pleno do venres que vén. O texto completo da ordenanza, coa emenda incorporada, saiu adiante dictaminado cos votos a favor de PP, DO e Cs; e coa abstención do PSOE e non adscrito e o voto en contra do BNG.

O obxectivo da emenda aprobada na sesión desta mañá, tal e como explica o concelleiro Jorge Pumar, é solicitar a redución ao máximo do que permite a lei actual do pago da cota aos vehículos considerados de baixas ou cero emisións. É dicir: aquelas motorizacións que permiten unha emisión reducida de gases e que eliminan ou reducen os molestos ruídos de motores. “Avanzamos cara unha xestión baseada na xustiza fiscal para que aqueles veciños e veciñas que aposten pola sostenibilidade e polo beneficio común de toda a cidade, sexan recompensados”, recalca Jorge Pumar.

En concreto, a proposta ten como fin alcanzar o máximo posible permitido pola lei, -do 75 por 100 na cota incrementada do imposto-, iniciativa da que serán beneficiarios os empresarios e cidadáns que sexan titulares de vehículos que aposten pola mobilidade sostible caso de motorizacións eléctricas ou híbridas (motor eléctrico-gasolina, eléctrico-gasóleo ou eléctricogas) ou que utilicen gas natural comprimido ou metano, hidróxeno ou enerxía solar para a súa propulsión.

Jorge Pumar afirma que “esta medida axudará a incrementar a presenza de coches sostenible nas rúas da cidade, o que redundará nunha maior calidade do aire e unha redución dos niveis de ruidos que, sen dúbida, mellorará a calidade de vida de todos nós”.

Para Jorge Pumar a mobilidade do futuro “é aquela que respecta e aposta polas persoas no espazo da cidade, por iso desde o PP da cidade defendemos este tipo de medidas que permitan a Ourense adiantarse ás tendencias e poder responder as demandas dos cidadáns no seu día a día”.