O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou a igrexa de Santiago das Caldas, no barrio da Ponte da capital, onde na compaña do seu párroco, Francisco Pernas, coñeceu o detalle dos traballos de reparación que se executarán na cuberta do templo, coa colaboración do goberno provincial. Unha axuda, afirmou Manuel Baltar, que contribuirá “a conservar e fortalecer un destacado patrimonio relixioso, desde o que se fai un importante servizo á comunidade”.
O presidente da Deputación, que tamén visitou a casa parroquial, destacou que esta obra vai supoñer “unha notable mellora para unha edificación senlleira no barrio da Ponte e na cidade, unha igrexa que vén de cumprir o seu centenario no ano 2020”. O goberno provincial, engadiu Manuel Baltar, “responde á chamada á colaboración cunha axuda de 60.000 euros, incluída na modificación de crédito que se aprobará no pleno de febreiro do próximo venres”. Unha cantidade que “se sumará ao esforzo económico que tamén realizará a parroquia e outras entidades, aínda que no suposto de que houbese algunha necesidade máis a Deputación seguirá aí”.
Implicación desde a Deputación con outros proxectos da parroquia
O párroco de Santiago das Caldas, que estaba acompañado polos sacerdotes Roberto Garza e Luis Pérez, ademais do ecónomo da Diócese de Ourense, Daniel Argiz, expresou “en nome da parroquia e de todos os seus fregueses o noso agradecemento á Deputación e ao seu presidente por colaborar no mantemento do templo”.
Francisco Pernas puxo de relevo a implicación da Deputación coa parroquia, destacando que “esta colaboración non é nova, posto que xa contamos coa súa axuda para as obras no atrio e a construción da rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida”. Agora, explicou, “coa reposición da cuberta evitaremos que as humidades sigan danando un patrimonio singular no barrio da Ponte, no que tantos fregueses celebraron importantes momentos da súa vida, sen esquecer o ben social que representa no barrio a través de Cáritas parroquial”