Ourense Provincia

Comesaña: " “É difícil poñer iniciativas en marcha co voto en contra do Psoe e BNG"

Paula Prado recrimina a socialistas e nacionalistas que prefiran “a demagoxia e poñerse detrás da pancarta en vez de remar na mesma dirección para solucionar este problema”

Óscar Gómez

Ourense | 05.12.2022 08:05

Comesaña: " “É difícil poñer iniciativas en marcha co voto en contra do Psoe e BNG"
Comesaña: " “É difícil poñer iniciativas en marcha co voto en contra do Psoe e BNG" | onda cero

O responsable de Xestión da Innovación da Secretaría de Sanidade do Partido Popular, Julio García Comesaña, lamentou que, mentres o PPdeG segue traballando en reforzar a atención sanitaria, o PSOE e o BNG “continúan transmitindo inquedanza á poboación e informacións falsas, e opoñéndose a todas as medidas”. “É difícil poñer iniciativas en marcha para tratar de resolver problemas que afectan a todo o Estado e topar sempre co voto en contra do PSOE e do BNG, que realmente o que queren é que á Sanidade lle vaia mal, para así seguir mantendo ese discurso político. É o que están acostumados a facer e no que están cómodos”, sinalou esta mañá Comesaña, nunha visita ao hospital comarcal de Verín.

Alí, acompañado pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, subliñou as apostas “arriscadas, importantes e pioneiras” da Xunta de Galicia neste eido, como a Lei que permite ofertar o acceso a prazas de difícil cobertura de especialidades médicas, a través dun concurso de méritos, nos hospitais comarcais.

En opinión do responsable sanitario, esta é unha medida “valente”, que non existe en ningunha outra comunidade autonómica, e coa que a Consellería busca seguir traballando en consolidar a rede de hospitais comarcais de Galicia, conformada por sete centros, fundamentais para que a gran maioría dos galegos teñan un centro hospitalario preto da súa casa.

A nova norma permite acceder a unha praza comarcal de difícil cobertura sen oposición e de xeito permanente —en propiedade—. Unha iniciativa similar á que xa foi aprobada para a atención primaria e que se traduciu na asignación de 106 postos de difícil cobertura en propiedade, 20 deles na provincia de Ourense. Sobre isto, Comesaña puxo como exemplo o centro de saúde de Laza, onde a praza estaba sen cubrir desde 2012 e agora xa hai un profesional que está dándolle estabilidade e cobertura a esta localización.

Tanto a lei para a atención primaria coma a de comarcais, aprobadas ambas no Parlamento de Galicia, foron votadas en contra polo PSOE e polo BNG. “Queda demostrado que a intención non é, en absoluto, pechar os hospitais comarcais, senón reforzalos, para que sigan sendo unha peza fundamental na cadea sanitaria”, incidiu, e remarcou tres piares, “profesionais, infraestrutura e equipamento”, fronte aos que transmitían “ata pánico” á poboación porque se ían pechar este tipo de centros.

PAULA PRADO: “MEDIDAS FRONTE A PANCARTAS”

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reclamou á oposición que “deixe de xogar á hipocrisía” e vaia da man de Galicia na petición de solucións á falta de médicos por parte do Goberno de Sánchez, contrapoñendo a isto “o grande esforzo” que está a facer a Xunta por reverter esta situación.

Deste xeito, fixo referencia ao feito de que o PSOE e o BNG non estean apoiando a iniciativa que os populares están promovendo nos concello correspondentes aos hospitais comarcais, como o de Verín. A iniciativa xa se presentou nalgún dos plenos municipais e se presentará noutros en decembro.

Na moción, os populares instan ao Goberno do España a asumir as súas competencias para solucionar a falta de médicos e, á vez, apoiar a decisión da Xunta de aprobar a devandita Lei para os centros hospitalarios comarcais. “Galicia está a facer o seu traballo para solucionar unha situación que non é nin do presidente Rueda, nin da presidenta Ayuso, senón de toda España. Unha situación que a nosa Comunidade ten como prioridade pero non así o Goberno central, que prefire centrar o foco nas comunidades gobernadas polo PP e obviar a realidade”, declarou a secretaria xeral.

De aí que recrimine ao PSOE e ao BNG que prefiran “a demagoxia e poñerse detrás da pancarta, en vez de remar na mesma dirección para solucionar este problema”. Así mesmo, lamentou que “ao día seguinte de que a Xunta chegara a un acordo con colexios médicos, preferiron alporizar e teledirixir as manifestacións”. Paula Prado concluíu reivindicando as propostas do PP no eido sanitario: “Medidas fronte a pancartas, investimentos fronte a insultos e seriedade fronte a demagoxia”.

INVESTIMENTO DE CASE 4 MILLÓNS DE EUROS EN VERÍN

A Comisión de Sanidade do PPdeG, presidida pola deputada Encarna Amigo, que se reuniu na sede local, visitou tamén a zona de ampliación do hospital de Verín, onde a Xunta está a investir case 4 millóns de euros, que se suman á renovación de equipamento, como o TAC, o primeiro que se actualiza en dentro dun programa de renovación de tecnoloxía con 67 millóns de euros para toda a Comunidade.

Así mesmo, tamén se renovaron 40 camas, mesiñas de paciente e sillóns, o ecógrafo de Radioloxía ou as lámpadas cirúrxicas. “Atopámonos no hospital con menor demora nas listas de agarda cirúrxica en toda Galicia”, remarcou Comesaña, que agradeceu o esforzo de profesionais e a dirección.

“O 28 DE MAIO OS VECIÑOS DE VERÍN TERÁN O GOBERNO QUE MERECEN”

Pola súa banda, o presidente local, agradeceu o compromiso da Consellería de Sanidade, que demostra que o PP “quere traballar a prol da sanidade galega”. “E demostra, ao mesmo tempo, que non teñen sentido as afirmacións dalgúns grupos políticos que din que o que facemos é desmantelar”. “Queremos que Verín volva tinguirse de azul o próximo 28 de maio e que os seus veciños volvan gozar dunha maioría do Partido Popular. O goberno que merecen, fronte a oito anos de socialismo que en nada lles beneficiou”, concluíu Paula Prado.