Logo de que Confederación Hidrográfica do Miño-Sil autorizase onte ao Concello de Ourense as obras de reconstrución das instalacións termais da Chavasqueira, as concelleiras de Termalismo e Urbanismo, Flora Moure e Sonia Ogando, respectivamente, reuniron esta mañá aos seus técnicos municipais para avanzar neste asunto de suma importancia para o desenvolvemento termal da cidade.
“Non hai un minuto que perder, pois somos conscientes da importancia da Chavasqueira para o Termalismo da cidade, e por elo agradezo a implicación e compromiso dos técnicos municipais para avanzar na tramitación administrativa necesaria para recuperar esta importante instalación termal”, sinala Flora Moure.
Tanto Flora Moure como Sonia Ogando deixan claro que non escatimarán en esforzos técnicos e humanos para lograr o obxectivo: volver a contar coa Chavasqueira como elemento clave para o desenvolvemento de Ourense.
Cabe lembrar que a CHMS remitiu onte a súa resolución favorable á Concellería de Termalismo, logo de que desde este departamento municipal se realizasen todos os trámites para recuperar estas instalacións termais en dominio público hidráulico e zona de policía da marxe dereita do río Miño. A concelleira responsable, Flora Moure, agradeceu a colaboración deste organismo estatal, así como o inmenso e eficaz labor dos técnicos municipais para acadar esta importante resolución que da luz verde á rehabilitación deste espazo, arrasado por un incendio.