O Concello acenderá as luces de Nadal en torno o día 5 de Decembro
O goberno local busca facer coincidir o acendido das luces coa volta e reapertura da hostalería ourensá
O Concello de Ourense acenderá a iluminación de Nadal en torno ao día 5 de decembro. Aínda que a primeira data dispoñible por contrato sería o 27 de novembro, definitivamente o Concello de Ourense atrasará unha semana o pistoletazo de saída do Nadal, buscando facer coincidir o acendido das luces coa volta e reapertura da hostalería ourensá.
O Concello agarda que ambos os feitos sucedan en torno ao sábado 5 de decembro. O pasado ano xa se acenderan as luces ese día, e para este ano, o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, xa anunciara en rolda de prensa o día 31 de outubro que a data de acendido podería ser calquera desde o 27 de novembro, aínda que se enfocaba cara á véspera da ponte de decembro. Agora si, xa non hai dúbida, o Concello definitivamente agardará a que volva a hostalería para dar o acendido inaugural.
O goberno municipal entende que facer coincidir o acendido das luces do Nadal coa volta ao público dos locais de hostalería, non só é un acto de solidariedade co sector (agardando por eles), senón que é ademais un modo de anunciar aos catro ventos a todos os ourensáns, que a hostalería está de volta, e que a cidade entrégase (sempre con precaución ante á denominada nova normalidade), ao espírito e festexos do Nadal. Facer coincidir ambas as datas é ademais un modo de promocionar o empresariado local. O goberno local confía que para esas datas unha esperada remisión da pandemia faga factible todo iso.
Subliña tamén que este ano a cidade de Ourense terá as mellores luces de Nadal da historia, tanto cualitativa como cuantitativamente, xa que chegarán a aínda máis rúas dos barrios, que o pasado ano que xa foron as máis extensas de sempre. Cómpre salientar tamén que a rúa do Paseo non levará arcos de adornos cada certos metros, senón que toda ela estará cuberta completamente por un teito, un manto de luces continuo.