O Concello de Ourense presenta a programación de actividades que organizará até final de ano no Parque Botánico de Montealegre coa finalidade de achegar a natureza á cativada. A próxima cita será este sábado, 22, co obradoiro “Caderno de Campo”, na que nenas e nenos percorrerán o parque para coñecer as súas especies arbóreas, que debuxarán despois nun caderno.
A semana seguinte, o protagonismo será para a Festa do Samaín, con obradoiros de elaboración de caretas e antefaces (o sábado, 29) e de elaboración de adornos, como esqueletos e morcegos, usando material reciclado (o domingo, 30).
Durante o mes de novembro, as actividades consistirán en realizar un mural de Outono relativo á festa dos Magostos ( Sábado, 19), un obradoiro sobre os Morogos ( Domingo, 20) e outro de elaboración de Figuras con follas ( Sábado, 26).
A programación de 2022 completarase no mes de decembro con obradoiros de cerámica (sábado, 3), elaboración de envoltorios de Nadal (sábado, 17) e adornos e xoguetes de Nadal (domingo, 18).
As actividades están dirixidas a crianzas de entre 6 e 12 anos. Son gratuítas, as prazas son limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico sm.p.montealegre@gmail.com, ou obter máis información na Concellería de Medio Ambiente, na Praza de San Martiño (988.38.81.35).