A Escola Fundación Celta Genuine é unha iniciativa da Fundación Celta de Vigo, para nenos e nenas con discapacidade intelectual, e que conta coa colaboración en Ourense do Pabellón CF e da Asociación Discapacidade Ourense (ADO). Trátase dunha ferramenta para dar un paso máis na integración dos colectivos con diversidade funcional na cidade, e pretende fomentar a socialización e a formación deportiva e persoal.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, afirmou que “é un apoio definitivo entre as cidades de Vigo e de Ourense”, e salientou o feito de que sexa o Pabellón CF quen recolla a iniciativa, xa que se trata do “club da mocidade e da canteira”. O presidente do club, Francisco Doforno, agradeceu o apoio do Concello para que esta iniciativa, que conta cun grande éxito social na cidade olívica, chegue a Ourense, e a importancia de “darlles ferramentas a estes deportistas especiais para facer canteira”. Nos mesmos termos se expresou Manuel Tejada, presidente de ADO Ourense, quen manifestou que “a cidade necesitaba proxectos de inclusión”, e avogou por que a iniciativa se desenvolva e medre a igualdade de oportunidades.
As escolas Genuine nacían sete ano atrás, nas instalacións deportivas da Madroa, coma unha actividade complementaria, relegando a competición a un segundo plano. De aí pasouse á Liga Galega de Fútbol Sala Adaptado e, despois, á Liga Genuine, segundo relatou Germán Arteta, presidente da Fundación Celta de Vigo. As escolas abríronse á participación dun número cada vez maior de persoas, e os resultados foron notorios: “son máis autónomos, evolucionan e medran”, dixo.
Exportar o modelo. O obxectivo da Fundación Celta de Vigo é aumentar a participación e formar clubs de base, o que pasa por exportar o modelo a toda Galicia. “Ourense foi a nosa primeira parada, pola proximidade e pola afinidade”, dixo Arteta. E aí é onde entra o Pabellón CF, que se encargará de achegar as instalacións deportivas un día á semana para ir probando un desenvolvemento formativo, motriz e lúdico, segundo apuntaba Álex Abalde, responsable de Celta Integra e “culpable” do éxito deste modelo.