A Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, recibía na Casa Consistorial a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, para a sinatura do convenio de colaboración do Plan Especial de Protección do Casco Histórico que estará en vigor ata o 2024.
Cristina Cid agradecía a presenza da Conselleira na Casa do Concello para a sinatura. A Alcaldesa lembraba que no ano 1994 Allariz recibía o Premio Europeo pola rehabilitación do propio casco histórico e pola intervención no Rio Arnoia.
Son moitos anos traballando pola posta en valor do patrimonio, coa aprobación do plan especial no ano 95. Esta nova revisión traerá a Allariz unha nova etapa para o casco cun orzamento de 250.000€ este convenio do Plan Especial do Casco histórico de Allariz vai permitir marcar o futuro do mesmo.
Cristina Cid relataba que a firma deste convenio supón un paso máis na posta en valor do noso Casco Histórico, e permitirá seguir conxugando o uso residencial, o comercial e os espazos verdes e de lecer para goce da veciñanza.
A Conselleira Ángeles Vázquez Mejuto resaltaba o traballo xa feito en Allariz en tema de conservación do patrimonio, e sinalaba este tipo de colaboracións entre administracións axudan a protexer o mesmo.