O Concello de Ourense seguirá mellorando a dotación de equipamento técnico para os servizos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil da cidade. Con esta finalidade, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha visitou Salón internacional da Seguridade, SICUR 2022, organizado por Ifema, Madrid, acompañado polo persoal responsable das xefaturas destes servizos municipais.
O concelleiro estuda asignar camisetas interiores anticorte e antipinchazo como prenda de dotación individual obrigatoria e adquirir escudos de protección de dotación en cada vehículo. Tamén se analizan outras melloras en equipamento e sistemas para modernizar os tres corpos. “Incrementar a seguridade do persoal operativo e a xestión eficiente dos servizos é unha prioridade para este goberno municipal”, asegura o concelleiro Telmo Ucha, quen avanza que o Concello seguirá mellorando a dotación destes servizos municipais, tendo en conta o labor fundamental que desenvolven para garantir a seguridade na cidade e a calidade de vida da súa veciñanza.
O salón SICUR é un certame que cada dous anos reúne en Madrid a empresas, asociacións, profesionais e usuarios da seguridade global, tanto no ámbito público coma no privado, cunha marcada aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. O salón aborda a seguridade integral desde varias áreas: Seguridade, ciberseguridade, seguridade contra incendios e emerxencias, e seguridade laboral.
Na súa edición 2022, que se desenvolveu do día 22 ao 25 de febreiro, reuniu a 38.906 profesionais de 59 países e 1.646 empresas do mundo da seguridade, que amosaron a súa oferta ao longo de 4 pavillóns do recinto feiral.