O Concello apoia o labor do Centro Comercial Aberto Ourense Centro cunha subvención de 8.000 euros
O alcalde recibiu a representantes da asociación ourensá, aos que lles trasladou o compromiso do Concello co comercio local
O Concello de Ourense apoiará o labor que desenvolve o Centro Comercial Aberto Ourense Centro cunha subvención nominativa por importe de 8.000 euros. O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, reuniuse con representantes da asociación ourensá, aos que lles trasladou o apoio do Concello ao sector. A subvención terá como principal finalidade apoiar a campaña de Nadal do centro comercial aberto.
Ao remate da xuntanza, o rexedor puxo de manifesto que no momento actual “é fundamental máis ca nunca defender aos nosos comerciantes”, xa que “estamos vivindo unha época covid na que xa non é unha opción, é unha obriga, e todos nos estamos dando conta de que ou apoiamos o local ou morremos como sociedade”.
Pérez Jácome puxo en valor o labor que asociacións como Ourense Centro están a desenvolver. “O Concello quere axudar e ademais doutros proxectos que temos paralelos, querémolo facer dunha forma moi específica cunha subvención nominativa de 8.000 euros que levaremos a pleno próximanente para apoialos en todas as dinamizacións que fan en defensa do pequeno comercio”, avanzou.
Pola súa banda, o presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luis Rivera, sinalou que “sendo como somos a principal asociación de comerciantes da cidade, para nós é satisfactorio ter este recibimento por parte do Concello porque pensando en global pero comprando en local, é o momento de apostar aínda máis polo noso, o máis cercano, pola economía circular, e de que o Concello e as demais administracións teñan este tipo de discriminación positiva para as asoacións de comerciantes da cidade”.