O Concello aproba a instalación de terrazas dunha forma rápida e legal
Será unha norma provisional e paso previo para elaborar unha nova ordenanza, que agarda ser aprobada polo Pleno nos vindeiros meses
A xunta de goberno local do Concello de Ourense a instrución que regulará a concesión de permisos para a instalación de novos veladores nas rúas do municipio. “Aprobamos unha instrución de veladores que nos permite, por primeira vez en décadas, ter unha ferramenta para poder autorizar novas terrazas para a hostalería dunha forma rápida e legal”, asegura o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Será, explica, unha norma “provisional, para darlle unha solución xa aos hostaleiros”, e un “paso previo” para a elaboración dunha nova ordenanza definitiva reguladora da instalación de veladores, que deberá ser aprobada polo Pleno do Concello.
Esta instrución busca establecer unhas pautas claras para a concesión de novas autorizacións de ocupación da vía pública por parte de locais de hostalería, perseguindo o difícil equilibrio entre intereses, moitas veces antagónicos, entre hostaleiros e veciños residentes. Non afectará, por tanto, ás autorizacións xa concedidas, como si fará, proximamente, a nova ordenanza municipal. O alcalde avanza que para esta ordenanza “contaremos con todas as partes involucradas, como venciñanza, hostaleiros e oposición”. Trátase, explica, de buscar o mellor consenso, pois este asunto “engloba un conflito de intereses: por unha banda a explotación comercial e, por outro, o espazo que utilizan os viandantes: é un conflito de intereses no que temos que atopar o punto de encontro”.
Mentres tanto, explica o rexedor, “temos unha ferramenta que é moito mellor do que había porque non había nada”. Esta instrución servirá para mellorar a situación actual, na que non existe unha normativa específica clara, senón diversas normas que tratan a ocupación da vía pública dun xeito máis xenérico, o cal impide unha resolución áxil das solicitudes de autorizacións aos locais.
A xunta de goberno local resolveu as alegacións presentadas durante o trámite de información pública, no sentido no que os informes técnicos dictaminaron, achegando ao documento final algunhas das propostas realizadas. Respecto á instalación de veladores en zonas de estacionamento, libre ou regulado, será precisa unha avaliación pormenorizada de cada caso para adoptar unha decisión e serán, en todo caso, con carácter excepcional.
A norma xeral será que nas rúas abertas ao tránsito permanente de vehículos as terrazas só poderán emprazarse nas beirarrúas. En ningún caso se permitirá este tipo de terrazas en rúas que formen parte do viario principal e arterial da cidade. Non se poderá ocupar zonas de carga e descarga ou espazos reservados ao estacionamento reservado a persoas con mobilidade reducida.
Hai que sinalar que estas son medidas excepcionais, propias do contexto actual, de restricións da actividade hostaleira como consecuencia das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias consecuencia da pandemia COVID 19. Así, por exemplo, e debido ao toque de queda vixente e que, probablemente perdure uns meses máis, os horarios establecidos nesta instrución non son efectivos.
Esta norma establece unhas distancias mínimas ás que deben situarse as terrazas, para garantir a mobilidade das persoas, así, respecto a fachada debe quedar 1,80 metros e 0,40 metros respecto ao bordo da beirarrúa. Só excepcionalmente se poderá admitir estreitamentos puntuais, pero garantindo sempre 1.50 metros entre fachada e velador.
Coa instrución que acaba de aprobarse, o goberno municipal busca harmonizar a estética dos veladores nas rúas, coa esixencia de cores neutras, así como incidir na seguridade dos viandantes, garantindo a mobilidade e a súa seguridade. Tan só poderán colocarse nas terrazas aqueles elementos que foron autorizados; así, non poderán colocarse, baixo esta autorización, elementos decorativos, carteis ou valos publicitarios. Perséguese que, amais da estética, os elementos utilizados sexan resistentes, hixiénicos, doados de amontoar, prohibíndose, materiais como plástico e PVC.
As autorizacións outorgaranse exclusivamente para as vías ou espazos públicos lindeiros coa fachada do local solicitante, só excepcionalmente se autorizará en marxes opostas ou en espazos diferentes aos viarios (prazas, parques ou xardíns), e deberán limitarse a ocupar o ancho correspondente coa fachada de dito local. Para poder ocupar o ancho correspondente precisarán da autorización dos propietarios ou comunidades de propietarios veciñas, así como dos titulares dos establecementos comerciais cuxa fachada se poida ver afectada.