O Concello de Ourense aprobará unha instrución exprés que permita conceder autorizacións aos locais de hostalaría para instalar veladores en vía pública de forma “coherente e xusta, seguindo unhas pautas”. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, logo da xunta de portavoces que se desenvolveu no Concello na que se analizou o borrador desta instrución. Será, dixo, unha medida provisional, mentres o Concello elabora unha nova ordenanza reguladora.
Con esta iniciativa preténdese mellorar a situación actual, marcada por unha ordenanza “no limbo”, que carece de “liñas claras” e que dilata moito a concesión de autorizacións aos locais. A solución prevese así con dous pasos: “queremos facer algo que mellore xa o que hai, e elaborar unha ordenanza nova nun prazo de 6 e 8 meses”, asegurou Pérez Jácome.
Na mesma sesión, tamén se tratou acerca das dedicacións exclusivas coas que contará o grupo político do Partido Popular para desenvolver o seu labor na oposición. A proposta de 2,5 dedicacións exclusivas (3 ao 50% e unha ao 100%) será presentada ante o Pleno do Concello para a súa aprobación.