8M

O Concello celebra o Día Internacional das Mulleres: “Non hai medias tintas ante a violencia de xénero”

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, deu lectura á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) nun acto que contou con numerosa representación institucional e a actuación do grupo Soul & Roll.

Óscar Gómez

Ourense | 08.03.2023 13:49

O Concello celebra o Día Internacional das Mulleres: “Non hai medias tintas ante a violencia de xénero”
O Concello celebra o Día Internacional das Mulleres: “Non hai medias tintas ante a violencia de xénero” | onda cero

O Concello de Ourense iniciou esta mañá a programación de actividades que organiza a Concellería de Igualdade con motivo da celebración, o 8 de marzo, do Día Internacional das Mulleres. Nun acto institucional celebrado no salón de plenos, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, deu lectura á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) por esta celebración.

“Foron moitos os avances acadados, pero persisten as desigualdades, a discriminación e a violencia ás mulleres polo mero feito de selo, e ante isto non caben medias tintas e non é entendible sermos neutrais”, salientou o alcalde.

O acto contou coa presenza dos integrantes do grupo de goberno, representantes de diversos grupos políticos, forzas policiais (que mañá recibirán o Premio Clara Campoamor 2023), entre outros, e contou coa actuación do grupo Soul and Roll (Tamara Pérez, voz, e Miguel Araújo, guitarra) e a participación da intérprete de lingua de signos Aránzazu Pérez.

A programación de actividades estenderase até o día 29 de marzo. Entre elas, mañá, xoves, o Liceo de Ourense acollerá o acto de entrega do XVII Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades, ás 20.00 horas e, pasado mañá, venres, ás 19.30 horas, nunha carpa na Praza Maior, terá lugar un concerto dos grupos The Tetas´s Van e Broken Peach.