Concello de Ourense

O Concello celebrará o 25N con teatro, cine e monicreques

Todas son de balde e están financiadas a cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero. Contarase cun servizo de canguraxe e con intérprete de signos, previa solicitude á Concellaría de Igualdade cun mínimo de 2 días.

Óscar Gómez

Ourense | 17.11.2021 09:42

O Concello celebrará o 25N con teatro, cine e monicreques
O Concello celebrará o 25N con teatro, cine e monicreques | onda cero

A concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella, e a directora do Centro de Información Municipal á Muller, Malena de Jesús presentaron a programación de actividades que organizará o Concello para conmemorar a celebración do 25N: Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Cine, teatro e monicreques son algunhas das propostas, xunto coa presentación do programa de prevención Apuntámonos ao Bo trato!” e a lectura do comunicado da celebración.

O programa de actos está financiado a cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero. Pacto de estado contra a Violencia de Xénero. Todos son de balde. Contarase cun servizo de canguraxe e con intérprete de signos, previa solicitude á Concellaría de Igualdade cun mínimo de 2 días de adianto.

ACTIVIDADES 25N 2021

25 DE NOVEMBRO. Acto Institucional do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Lectura de comunicado

12.00 horas. Salón de Plenos. Participa: Colexio Plurilingüe Luís Vives.

27 DE NOVEMBRO. Monicreques: Fábulas da montaña. Compañía Larraitz Producións Artísticas

18.00 horas. Auditorio. Montaxe teatral familiar (+8 anos) con monicreques, creado e dirixido por Inacio Vilariño, para render homenaxe neste 2021 ao aniversario da ferrolá Concepción Arenal. En Fábulas da montaña, Concepción Arenal repasa a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño, Cantabria, trala morte do seu pai. Alí, na convivencia cos animais da casa e ante o respecto de lobos e osos, escribe o seu libro “Fábulas en verso orixinais”; historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a Igualdade.

29 DE NOVEMBRO. Presentación do Programa contra as violencias machistas, prevención do acoso e agresións sexuais entre adolescentes Apuntámonos ao Bo trato!”. Ten algo que ver a pornografía coa (des)igualdade? Guías didácticas para o traballo con adolescentes, familias e docentes.

17.00 horas, Salón de Plenos. Interveñen: Eugenia Díaz Abella (Concelleira de Igualdade), Mª Elena De Jesús Rodríguez (Directora e psicóloga do CIMM) e Mon Vilar Figueirido (Formadora especialista en xénero da Libraría Lila de Lilith).

30 DE NOVEMBRO. Cine: A candidata perfecta (2019, Arabia Saudí; dir. Haifaa Al-Mansour; Festival de Venecia: Sección oficial a competición). Actividade coorganizada co Cineclube Padre Feijóo.

20.30 horas, Cineclube Padre Feijóo (Casa da Cultura, r. Concello, 11).

Sinopse: Unha muller vese obrigada a dar marcha atrás nun aeroporto por culpa do seu titor masculino, cuxos papeis non están en regra. Motivada por este feito, decide iniciar unha campaña para pelexar contra as normas machistas que imperan en Arabia Saudí en relación ao comportamento social e á influencia da familia en decisións importantes e que deberían ser unipersonais.

1 de DECEMBRO. Teatro: Bravas. Elenco: Isabel Risco. Dirección: Fran Rei

20.00 horas. Auditorio

Isabel Risco protagoniza Bravas, o seu segundo espectáculo unipersoal, no que nos ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Unha historia sempre roubada, agochada e invisibilizada. Bravas é unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valeroso clan, o clan que elas mesmas paren, amamantan, manteñen, constrúen cós alicerces da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade. Así, con este espectáculo pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade.

2 DE DECEMBRO. Cine: “El Círculo” (2021, España; dir. Iván Roiz y Álvaro Priante).

Actividade coorganizada co Cineclube Padre Feijóo.

20.30 horas, Cineclube Padre Feijóo (Casa da Cultura, rúa Concello, 11)

El Círculo é un retrato incómodo e sen censura dun proceso de deconstrución e cuestionamento da masculinidade levado a cabo por un grupo de homes que comparten as súas experiencias na terapia colectiva. A través de seis colectivos heteroxéneos, créase un debate que suscita varias cuestións: os custos e privilexios de vivir nunha sociedade patriarcal, a súa relación coas mulleres, a violencia, o sexo como causa de grandes complexos ou a paternidade. En definitiva, un documental que desnuda a masculinidade tóxica desde dentro.