Ourense Cidade

O Concello comeza a campaña solidaria 'Recollida de alimentos e de xoguetes'

Desde a organización animan á xenerosidade das persoas, pero tamén reclaman voluntarios para axudar coas entregas do material recollido. Existe un teléfono de recollida de doazóns: o 616.908.507

Óscar Gómez

Ourense | 30.11.2022 08:01

O Concello comeza a campaña solidaria 'Recollida de alimentos e de xoguetes'
O Concello comeza a campaña solidaria 'Recollida de alimentos e de xoguetes' | onda cero

Xa está en marcha a Campaña Nadal 2022 "Recollida de alimentos e de xoguetes", organizada por Protección Civil e o Concello de Ourense coa colaboración do Banco de Alimentos. Esta actividade solidaria pretende recoller alimentos non perecedoiros e xoguetes para repartir entre os segmentos da poboación máis necesitados. Esta mañá realizouse a presentación da campaña, no Campo da Feira, coa presenza do concelleiro de Seguridade, Telmo Ucha, e representantes de Protección Civil, Banco de Alimentos, Bombeiros e Policía Local.

Para doar, haberá caixas de recollida na propia Casa do Concello e en diferentes espazos municipais -Policía Local, Bombeiros, Centros Cívicos...-, así como en grandes superficies comerciais ou en calquera lugar identificado coa imaxe da campaña. Tamén hai un teléfono habilitado para que o persoal da campaña pase a recoller as doazóns: o 616.908.507.

Realizaranse dúas entregas: unha antes de Nadal, e outra antes da campaña de Reis, cando rematará a campaña de recollida. Os únicos requisitos, lembran desde Protección Civil, son que os alimentos sexan non perecedoiros e que os xoguetes se atopen en bo estado.

O propio concelleiro, Telmo Ucha, introduciu os primeiros xoguetes nas caixas da campaña, animando a que a cidadanía se implique nesta acción solidaria. Para Juan Carlos Villanueva, responsable de Protección Civil, é importante non só que a xente se implique entregando materiais, senón que colabore activamente facéndose voluntario para entregalos. Natalia González Valencia, coordinadora do Banco de Alimentos, animou igualmente a solidarizarse coa campaña: “Hai moita xente na cidade que non o está pasando ben”, dixo.