O Concello de Ourense desenvolverá este ano unha nova edición, que será a cuarta consecutiva, da campaña de fomento da lectura, coa que agasallará os nenos e as nenas da cidade cun libro, á súa escolla, que poderán adquirir nas librarías de Ourense. Este ano a campaña desenvolverase no mes de setembro coa finalidade de distanciala un pouco no tempo da campaña de bonos de 100 euros para consumir no comercio local que rematou o día 31 de maio, e que tivo no sector das librarías un dos sectores destinatarios.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome avanzou esta mañá que a campaña de fomento da lectura terá novas datas, no mes de setembro, mantendo as súas características principais, tendo como persoas destinatarias as menores de 18 anos empadroadas na cidade, que poderán elixir un libro de até 20 euros nas librarías de Ourense. Será en setembro, explica Pérez Jácome, porque “a campaña do bono comercio pechou hai uns días, cun éxito fóra do normal e, debido á proximidade coa que habitualmente faciamos do libro escolar, decidimos en consenso coa asociación de libreiros de Ourense distanciala un pouco, para que non estean pegadas”. O alcalde subliñou que setembro será tamén “un mes espléndido e unha época idónea” para os obxectivos desta campaña.
A campaña de fomento da lectura do Concello de Ourense acadou un novo récord de participación na súa edición de 2022, chegando a un total de 9.777 menores de idade residentes en Ourense. Posta en marcha por primeira vez no ano 2020, a campaña chegou a 8.475 menores; na súa segunda edición, en 2021, chegou a 9.411 e, no pasado ano 2022, a 9.777.