A resolución comunicada ao Concello outórgalle provisionalmente a Ourense unha subvención total de 471.517,85 euros, logo de estudar a solicitude presentada polo Concello e avaliar as variables que estaban definidas na convocatoria, relativas á lonxitude da rede municipal, a demanda, criterios medioambientais e o déficit medio por título de transporte emitido.
Estas subvencións están reguladas na disposición adicional número 84 da Lei 31/2022, do 23 de decembro de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023. Para optar ás axudas, cada concello debía achegar na súa solicitude a información relativa ao tráfico, parámetros medio ambientais e a xestión económica e financeira do servizo público de transporte colectivo.
O prazo para concorrer estivo aberto entre o 1 de xuño e o 17 de xullo, e o Concello de Ourense foi unha das 98 solicitudes admitidas a trámite. A resolución aprobada pola Subdirección Xeral concédelles provisionalmente a axuda a 94 concellos, por un importe total de 50.887.397,74 euros. O acordo aprobado por esta subdirección xeral é provisional, e agora ábrese un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións.