O Concello construirá no barrio da Ponte o maior parque da cidade
O alcalde e o arquitecto presentaron o anteproxecto das obras, que o Concello prevé licitar en xaneiro, cun investimento de 6 millóns de euros
O Concello de Ourense construirá no barrio da Ponte o parque público urbano máis grande da cidade, dotado con piscinas, zonas deportivas e espazos de lecer para persoas de todas as idades. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro Telmo Ucha e o arquitecto Luis Pérez de Juan presentaron esta mañá no Concello o anteproxecto das obras, que o Concello prevé licitar o próximo mes de xaneiro.
O parque estará situado nas traseiras dos edificios das rúas de Julia Sarmiento, San Froilan, as avenidas das Caldas e Basilio Alvarez, e as rúas de Victoria Kent e Xesus Pousa
Será, dixo o alcalde, un gran parque público que duplicará en superficie ao de San Lázaro, que vai mellorar a calidade de vida no barrio da Ponte e tamén en toda a cidade, que incorporará así a segunda área de piscinas, logo da construída en Oira hai medio século.
O Concello licitará no mes de xaneiro o proxecto e a execución da obra, que suporá un investimento duns 6 millóns de euros, co obxectivo de que a intervención poida comezar en agosto de 2021 e executarse nun prazo de entre 18 e 24 meses.
A intervención abrangue unha superficie total de 20.559 m2. Ademais de zonas axardinadas, de sendeiros e de lecer tanto infantil como senior, as piscinas (800 m2 de lámina de auga), e o espazo deportivo (de 1.750 m2), o Parque de Canedo contará tamén cun aparcadoiro de preto de 400 prazas que prestará un importante servizo ao barrio da Ponte.