Concello de Ourense, Deputación Provincial e o centro asociado da UNED en Ourense avanzan no traslado do centro educativo ao edificio da antiga prisión provincial da rúa Progreso. O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, participou esta tarde na reunión da xunta reitora do Consorcio do Centro Asociado á UNED en Ourense que se celebrou na Sala de xuntas do Pazo Provincial, na que se deu conta da proposta realizada polo Concello para que o centro ourensán, actualmente nos baixos das torres do Pino, na estrada de Vigo, se traslade ao edificio da antiga prisión provincial, no número 45 da rúa Progreso, do que o Concello de Ourense é titular.
A xunta reitora, na que participan as tres entidades, deu o visto bo á proposta, que se plasmará nun protocolo de colaboración entre as tres entidades para levar a cabo o proxecto. “O máis importante é que temos un acordo para o traslado, que conta co apoio unánime de Concello, Deputación e a UNED, cun texto que debe ser pulido en detalles pero que en esencia supón unha declaración de intencións de todas as partes para que poida levarse a cabo”, explicou o tenente de alcalde ao remate da sesión.
O edificio da rúa do Progreso é un inmoble cunha superficie útil de máis de 2.000 metros cadrados, cuxo estado de conservación fai necesaria unha rehabilitación integral. O Concello ten previsto solicitar unha subvención para esta intervención con cargo ao Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos da Administración Local (PIREP).
De acordo co borrador de protocolo de colaboración do que se deu conta esta tarde o Concello licitará o proxecto básico e de execución das actuacións. O importe da redacción de proxectos técnicos e da execución das obras, descontando as axudas recibidas, repartirase equitativamente entre as 3 partes actuantes.
O Concello comprométese a ceder o uso do edificio e a súa parcela á UNED durante o tempo que dure o uso docente previsto.