O novo espazo de lecer entrou en servizo para dar resposta á demanda trasladada pola veciñanza, que lle solicitara ao Concello un espazo destas características. Os xogos instaláronse na zona axardinada situada xunta a fonte de Rabo de Galo e supuxeron un investimento total de 15.595,10 euros. O parque biosaudable conta con 5 elementos de diferentes características para practicar exercicio físico, que poderán utilizar persoas de distintas idades, que midan máis de 1,4 metros.
Tamén estes días, a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense está a executar obras de acondicionamento dunha zona de xogos infantís na rúa Francisco Asorey, colindante coa rúa Rabo de Galo, que reforzará a oferta de elementos de lecer para a cativada desta localidade e tamén do barrio do Couto.