O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente dirixida por Jorge Pumar e a empresa Ecourense, responsable da concesión de limpeza da cidade, cooperarán para a prevención de residuos nas celebracións do Magosto na cidade.
A campaña centrará os seus esforzos en concienciar os cidadáns na importancia de recoller os seus residuos ao remate das celebracións, e evitar contaminar os espazos verdes da cidade. Así, facilitarase a recollida e selección de residuos naqueles espazos naturais de maior concentración de fogueiras de magostos, en concreto na zona de Montealegre.
A empresa concesionaria, Ecourense, establecerá un punto de información verde coa fin de informar e sensibilizar aos cidadáns sobre a importancia de recoller o lixo do monte ao terminar as celebracións. O punto verde informativo estará situado na chaira do botánico na estrada de subida cara a Montealegre.
O equipo informativo repartirá bolsas de lixo para facilitarlles a recollida e a reciclaxe aos cidadáns, e solicitará a súa colaboración para manter a cidade e os montes lindeiros limpos.
A localización informativa contará coa presenza do vehículo de Punto limpo Móbil, e disporanse contedores para axudar, ao longo de todo o día 11 de novembro, coa recollida selectiva dos residuos. Así mesmo, instalarase unha segunda illa de recollida con 4 contedores de 800 litros nas traseiras do centro tutelar de menores de Montealegre.
O servizo efectuará dúas recollidas de residuos nos puntos mencionados, a primeira ás 20:00 e, posteriormente, ás 6:30 para volver baleiralos e, se procede, retiralos.
O dispositivo incluirá traballos especiais de limpeza viaria de toda a zona de celebración coa fin de limpar e preservar as zonas públicas do espazo natural de Montealegre.
Jorge Pumar, concelleiro de Medio ambiente do Concello de Ourense, desexa “que a cidadanía goce do magosto e da compañía de amigos e familia”, di, e fai “un chamamento para que a celebración se desenvolva respectando os nosos montes e espazos naturais”.