O Concello entregará 236.000 euros en axudas para libros, material escolar e comedores
O Concello concede agora un prazo de 10 días para que as persoas beneficiarias acepten ou rexeiten a axuda
O Concello de Ourense resolveu a convocatoria para a concesión de subvencións en especie para libros de texto, material escolar e comedores escolares correspondentes ao curso 2020-2021. Desde a Concellería de Política Social destínanse 220.025 euros ás axudas para comedores escolares, e 15.780 euros para as axudas de libros de texto e material escolar.
Pódese consultar o listado nos seguintes lugares: nas dependencias da Concellería de Política Social, na rúa Bispo Carrascosa nº. 8, no taboleiro de editos do Concello de Ourense, e na páxina web do Concello de Ourense: www.ourense.gal.
Desde a Concellería afírmase que as axudas chegarán a todas aquelas familias que cumpran os requisitos: foron 337 as solicitudes aceptadas para axudas de comedores, e 144 para material escolar e libros de texto.
Entre os criterios para a denegación destas axudas están o de superar os 3.500 € de rendaper cápitaanual, non estar empadroados no concello de Ourense con tres meses mínimos de antigüidade no mesmo domicilio, non estar escolarizados en centros de ensino públicos ou concertados do concello de Ourense, ou non entregar a solicitude ou os diferentes requirimentos realizados desde a Concellería de Política Social en prazo.