O Concello de Ourense esmerará o coidado e a protección das árbores afectadas pola execución das obras que desde esta semana se desenvolven no centro da cidade (contorna do parque de San Lázaro e das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya). Estes traballos inclúen a renovación completa dos pavimentos e das beirarrúas, que fan imprescindible extraer as árbores existentes na actualidade. Trátase de exemplares de diferentes idades, portes e especies (como Ligustrum japónica e Acer) con bo estado sanitario en xeral e desenvolvemento aceptable.
O Concello de Ourense procederá a transplantar as árbores ás instalacións do viveiro municipal para o seu coidado, mantemento e posterior plantación nunha localización definitiva. O obxectivo é ocasionar a menor afección posible ás árbores, polo que os traballos executaranse con todos os medios técnicos, humanos e materiais necesarios para acadar o mellor resultado posible, coordinando os traballos entre empresa executora, servizos técnicos e persoal municipal.
Así, entre as actuacións previstas, están:
- Preparación de gabias e substrato para a súa localización temporal en viveiro municipal
- Extracción de bordos, formigón e beirarrúas circundantes.
- Saturación do bulbo do cepellón por inundación previa.
- Escavación perimetral do cepellón
- Consolidación do cepellón con materiais de presión, mallas e similares.
- Protección do pescozo da raíz e base do tronco para o seu izado a camión.
- Extracción do exemplar con camión pluma e traslado a viveiro
- Tratamento hormonal para a estimulación da emisión de novas raíces en cepellón
- Plantación con substrato fertilizado.
- Podas de recuperación.
- Rega e asentado.
Estes labores efectuaranse canto antes en todos os exemplares, e permitirán dispoñer dunha serie de exemplares para a súa posterior plantación na localización máis adecuada no Concello de Ourense.
As obras, que iniciou este luns o Concello, son as definidas nos proxectos de “pavimentación en pedra e renovación da rede de servizos nas rúas Parque de San Lázaro, Xaquín Lorenzo, Bedoya ata Valle Inclán e Cardeal Quevedo ata a avenida da Habana”; e de “acondicionamento e mellora das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya, na súa intersección con Valle Inclán e a avenida de Bos Aires. Teñen un orzamento total de 2,2 millóns de euros e un prazo de execución de 6 e 5 meses, respectivamente