Ourense Cidade

O Concello estimulará cun concurso a decoración de Nadal nos comercios

Outorgará 9.500 euros en premios coa finalidade de para incentivar a celebración do Nadal na cidade

Óscar Gómez

Ourense | 17.11.2020 11:30

nadal concello de ourense
nadal concello de ourense | Onda Cero

O Concello de Ourense incentivará a decoración de Nadal na cidade cun concurso que premiará as mellores ornamentacións festivas que se instalen nos comercios, nos locais de hostalaría e nas vivendas. O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome anunciou esta mañá a iniciativa coa que o Concello pretende potenciar a celebración da festa na cidade nunha edición fortemente marcada polas limitacións e restricións que impón a pandemia da COVID-19. O novo concurso súmase así á aposta pola iluminación festiva das rúas da cidade que será “a mellora da historia de Ourense”, asegura o rexedor.

Gonzalo Jácome explica que “para este Nadal tan estraño, desde o Concello de Ourense queremos ter iniciativas que nos fagan manter vivo o espírito da festa e que sigamos avanzando”. Con esta finalidade porá en marcha este concurso “moi interesante”, coa finalidade de que a ornamentación de Nadal estea presente nos negocios, tanto locais comerciais coma de hostalaría, e tamén nos exteriores das propias vivendas da cidade.

O concurso contará con dúas liñas e repartirá 9.500 euros en premios. Na categoría de establecementos comerciais e hostaleiros outorgarase un primeiro premio por importe de 3.000 euros e 5 segundos, a modo de accesits, de 500 cada un. No caso das vivendas, premiarase a decoración en fachadas de vivendas individuais ou comunitarias, tanto casas como pisos que dean á rúa. Haberá un primeiro premio de 1.500 euros e 5 segundos de 500 cada un.

Esta iniciativa únese á aposta que o Concello realizará este ano pola iluminación de Nadal que instalará nas rúas da cidade. Será, avanza o alcalde, “a mellor iluminación de Nadal da historia de Ourense, tanto cualitativa como cuantitativamente, xa que imos chegar a máis rúas ca nunca e será a máis bonita da historia”, asegura. O Concello adxudicoulle, en xunta de goberno local o pasado día 9, o contrato do servizo de posta en funcionamento, mantemento e retirada do alumeado de Nadal á empresa Iluminaciones Ximénez SA, ao que destinará un total de 324.234,47 €.

Como avanzou o alcalde, a iluminación de Nadal acenderase en torno ao día 5 de decembro, para facer coincidir a súa posta en funcionamento coa esperada volta e reapertura da hostalería ourensá.