O Concello de Ourense inaugurará o día 1 de abril a nova liña de autobús número 6, que dotará de servizo o Pavillón de Deportes dos Remedios, por primeira vez nos seus 54 anos de historia. A nova ruta mellorará tamén a atención do barrio do Couto e do edificio de xulgados, recentemente construído preto do pavillón. Esta medida anticípase á próxima remodelación de liñas do servizo de municipal de autobuses e á súa gratuidade, que o goberno municipal prevé para o mes de outubro.
O Concello traballaba nesta mellora desde o ano pasado, estudando diferentes alternativas. A inicial, cuxa implantación estaba prevista para marzo de 2023, consistía en variar a ruta da liña 6A, aínda que esta posibilidade se desbotou porque non garantía as frecuencias desexables. A fórmula finalmente elixida será a de fusionar dúas liñas actuais: a 6A e a 6B. Deste xeito, haberá 3 autobuses simultáneos na liña, cunha frecuencia de vehículos cada 30 minutos exactos en días laborables. O itinerario atravesará a cidade de Norte a Sur, con inicio e final de treito na antiga estación de autobuses e na Residencia, pasando pola zona oeste da cidade (barrio do Couto e Pavillón dos Remedios).
O goberno municipal explica que esta modificación non incrementará o gasto do servizo: “trátase de ser eficientes en deseños”, explican, xa que non aumentará nin o número de vehículos nin o de choferes, e os autobuses consumirán menos combustible xa que percorrerán menos quilómetros ao longo do día, en comparación cos que realizan actualmente as liñas 6A e 6B.
Itinerario: Antiga estación de autobuses a Barrocás
Antiga estación de autobús, rotonda da Ponte Novísima, Rotonda da Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Avenida das Caldas, Basilio Álvarez, Ponte Novísima, Rotonda de Vista Fermosa, Campo de fútbol do Couto, Faustino Santalices, Picasso, Dalí, Rotonda Ponte Lebrona, Concepción Arenal, Concello, Progreso, Alameda, O Posío, A Coruña, A Saínza, Ramón Puga, Residencia, Carlos Velo.
Itinerario de Barrocás á antiga estación de autobuses:
Rúa Carlos Velo, Residencia, Ramón Puga, José Cornide, A Saínza, A Coruña, O Posío, Alameda, Xoán XXIII, Parque de San Lázaro, Avenida da Habana, Concepción Arenal, Pavillón dos Remedios, Greco, Ervedelo, Campo de fútbol do Couto, rotonda de Vista Fermosa, Ponte Novísima, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, antiga estación de autobuses.