Ourense Cidade

O Concello incorpora un novo equipo de excarceración de altas prestacións para o corpo de Bombeiros

Permitirá reforzar a eficiencia e seguridade nas intervencións de rescate que realizan os bombeiros, ao ser unha unidade máis compacta, lixeira e potente

Óscar Gómez

Ourense | 11.02.2021 08:10

O Concello incorpora un novo equipo de excarceración de altas prestacións para o corpo de Bombeiros
O Concello incorpora un novo equipo de excarceración de altas prestacións para o corpo de Bombeiros | onda cero

O servizo de Bombeiros do Concello de Ourense conta cun novo equipo de excarceración de altas prestacións. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Armando Ojea, e o xefe do servizo de Bombeiros, José Benito Álvárez, asistiron esta mañá á entrega da nova unidade, subministrada pola empresa Incipresa, que supuxo un investimento de 75.533,05 euros por parte do Concello. O equipo incorpora as máis modernas prestacións do sector, que permitirán reforzar a seguridade, axilidade e eficiencia nas intervencións de rescate que realizada o corpo de bombeiros, ao tratarse dunha ferramenta que destaca por ser moi compacta, lixeira e potente.

Trátase dun equipo de rescate hidráulico da marca Holmatro composto por unha bomba a motor, unha bomba manual, tres mangueiras hidráulicas, dúas cizallas hidráulicas, un separador hidráulico, dous cilindros telescópico, un soporte para cilindro, un conxunto de puntais en “V”, un conxunto de bloques e cuñas, elementos protectores e ferramenta de serrado.

O xefe de servizo de Bombeiros, José Benito Álvarez, destacou a incorporación deste equipo de altas prestacións, pois era “moi necesario”, destacando que é unha unidade “máis lixeira e con moitísima máis potencia de corte e de separación”, unhas características que, ao seu xuízo, ·”fan máis segura a intervención” dos bombeiros. Subliña tamén que esta adquisición dá resposta á necesidade de dispoñer de equipos adaptados á evolución do sector dos vehículos “que utilizan materiais cada vez máis lixeiros e resistentes, polo que fan falla ferramentas con moita máis forza para poder cortar”.

A próxima incorporación ao parque será a dun equipo de busca e de rescate, pensado para intervencións en estruturas colapsadas, e dotado con microcámaras óptica e térmica e sensores de movemento. A subministración está aprobada e o equipo será recibido proximamente no corpo de bombeiros.

Miguel Ángel Álvarez, representante da empresa subministradora Incipresa, resumía as principais características do equipo: “gran potencia, moi lixeiro, moi compacto, e que proporciona unha gran seguridade e ergonomía cara o bombeiro”, subliñando a importancia de dispoñer de equipos como este que deben ter “unha vida útil longa e adaptarse e adiantarse aos avances do sector, para poder rescatar ás vítimas dunha forma rápida, áxil e eficiente”. Neste caso, destaca que “se duplica a potencia das ferramentas, e se baixa en 4 ou 5 quilos de peso por cada ferramenta”, dato especialmente relevante en intervencións, como as excarceracións.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Armando Ojea asegurou que “estamos contentos de que se incorpore este novo equipo, con todas as novidades e melloras técnicas e unhas características de vangarda”. Neste sentido avanzou que desde o Concello “trataremos de seguir incorporando o material máis moderno e efectivo para que os bombeiros podan desenvolver o seu traballo”, xunto coa incorporación de novos bombeiros “tratando que sexa canto antes posible”