O proxecto, cun orzamento de licitación de 1.667.122,20 euros, ten como obxectivo mellorar a accesibilidade ao barrio da Carballeira desde a Avenida de Portugal. A fórmula elixida é a instalación dunha rampla mecánica, emprazada no medio da calzada da rúa Nicomedes Pastor Díaz, con 2 tramos de 23 e 37 metros de lonxitude cada un, cuberta cunha estrutura metálica para protexer da intemperie. O Concello tamén aproveitará esta actuación para aumentar o espazo peonil e renovar todos os servizos existentes na rúa. As obras serán executadas pola empresa Prace, de Vigo, que actualmente está rematando a instalación das ramplas da Gran Vía da cidade olívica
O alcalde definiu estas obras como “a obra específica de barrio máis importante que se fixese nunca en Ourense”, que vai unir a Avenida de Portugal coa Praza do Sagrado Corazón. Fará que a veciñanza da Carballeira “estea máis cerca, e conte cunha mellor accesibilidade”, xa que a forte pendente que orixina a diferencia de altura “será moitísimo máis fácil de salvar”.
Gonzalo Jácome subliñou que esta obra se suma a un paquete de investimentos que o Concello executa durante este mandato no barrio, entre as que están, detallou, a reforma da Praza da Lexión, cun proxecto inicialmente orzamentado en medio millón de euros e que se licitará de novo proximamente, a reforma da rúa Vázquez Núñez (490.000 euros), a do polideportivo da Carballeira (490.000 euros), as zonas infantís na Praza do Sagrado Corazón (49.000 euros) e Vázquez Núñez (49.000 euros), e obras varias (180.000 euros). Xuntas suman 3,3 millóns de euros neste mandato na Carballeira, segundo destacou o rexedor.