O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome presentou o primeiro autobús térmico diésel dos 15 que se incorporan nos próximos días ao servizo de transporte urbano. O alcalde explicou que esta é a primeira das 15 novas unidades de autobuses térmicos adquiridas polo Concello para renovar o servizo municipal, e que se irán incorporando á circulación, un ao día, durante as próximas xornadas. Posteriormente, chegarán 15 microbuses e, no mes de agosto, 10 vehículos eléctricos. Completarase así a renovación total da flota de vehículos do servizo, cun total de 40 novos vehículos.
Pérez Jácome manifestou que “é un día sinalado porque por primeira vez en case 20 anos temos un autobús novo dando servizo na cidade de Ourense”. Será o paso inicial dunha renovación total do servizo municipal en 3 fases, segundo explicou: “primeiro os autobuses novos, despois teremos as novas liñas, e logo a gratuidade, que nos colocará á cabeza de España”. Así, asegurou, “imos ser un exemplo en España de como se mellora a calidade de vida dos cidadáns na mobilidade e descendendo o trafico rodado dos vehículos individuais”. Sobre os prazos, avanzou que a renovación da flota estará completa este verán, as novas liñas cara o Nadal e a gratuidade, “o ano que vén, coas novas ordenanzas e o novo ano fiscal.
O rexedor animou a cidadanía a utilizar o servizo de autobuses da cidade, xa que é dos máis económicos –dixo- de España, e ao que “estendemos a baixada do prezo en colaboración co goberno español a través dunha subvención, polo que agora mesmo cada viaxe coa tarxeta Milenio sae a 31 céntimos. É dicir, é gratis para a metade da poboación, que xa non paga autobuses en Ourense e á outra metade cústalle 31 céntimos a viaxe, así que animo a xente a que viaxe en autobús e deixen os vehículos individuais con todo o problema que teñen de custo, de aparcamento e de contaminación”.