O Concello de Ourense presentou, o programa das grandes festas do Sur da cidade, as que se celebrarán en Barrocás do 17 ao 20 de marzo cun cartel que inclúe as actuacións das orquestras Olympus e París de Noia, a discomóbil A Gramola e a presenza do DJ Kiko Rivera. Para o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a colaboración do Concello revitaliza un calendario que “antes estaba intoxicado coa palabra cultura, con cantidade de eventos sen público e festas sen pena nin gloria”.
Segundo afirmou na rolda de prensa, Ourense conta agora con grandes festas en todos os seus puntos cardinais: ao norte coas festas da Ponte; ao leste coas de San Francisco -“que reuniron 7.000 persoas na súa última convocatoria”, afirmou o rexedor-; ao oeste as do Couto; e ao sur coas de Barrocás. Todo isto cun sistema de “externalización”, dixo, no que a asociación do barrio -neste caso a AVV O Mirador- xera recursos para organizar as festas, é beneficioso para a cidadanía e potencia unhas festas a baixo custo para o Concello. A achega municipal será de 15.000 euros para a contratación dunha orquestra -París de Noia- e a instalación do sistema loxístico e de seguridade: valados, baños etc.
Así, este goberno municipal revitalizou as festas do San Martiño, as do Nadal, a recentemente instaurada do Halloween, ou a do Entroido, “que se viviu a un nivel que ninguén agardaba”, en palabras de Pérez Jácome.
Juan Carlos Ferreiro, representante da AVV O Mirador, augurou un grande éxito para esta convocatoria, dada a demanda de reservas hoteleiras. Así, a orquestra Olympus abrirá o programa este venres desde as 22.30 horas, e o prato forte chegará o sábado coa actuación da París de Noia, o pregón do alcalde, e a actuación de Kiko Rivera. O domingo haberá callos e actividades orientadas ás familias, e o luns será o día dos nenos e das nenas, asegurou.