O Concello de Ourense comeza a reparación dos espazos termais municipais e prevé abrir o día 1 de febreiro Outariz, e o 15 do mesmo mes as Termas do Muíño e a Chavasqueira.
Estes traballos, que comezarán de maneira inmediata, contemplan diversas actuacións para arranxar os danos causados pola crecida do río Miño. En palabras do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “este é o alto prezo que estamos a pagar por haber planificado ter as termas en zonas inundables”.
Segundo os danos cuantificados, en Outariz faise necesaria a reparación do camiño de acceso, os vestiarios, e diversos equipos de fontanería como as bombas utilizadas. Equipos que tamén hai que reparar no Muíño da Veiga e na Chavasqueira, sempre que non continúen inundados, xa que nestes lugares hai que esperar a que baixe máis o caudal de auga do Miño.