A concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Ana Fernández Nieto, participou este xoves na entrega simbólica das doazóns que a veciñanza de Ourense realizou en favor da Asociación Española contra o Cancro ao reciclar a través do programa Reciclos, un programa de Devolución e Recompensa (SDR), desenvolto por Ecoembes e implantado co apoio do Concello de Ourense, e que incentiva a reciclaxe a través de recompensas de carácter social e sostible.
Así, nun acto que tivo lugar esta mañá no salón de plenos, representantes da ONG recibiron, da man de Ana Fernández e de Bruno de Llano, especialista de Ecoembes en Galicia, un cheque simbólico pola doazón realizada polos ourensáns e ourensás que utilizan este sistema. Grazas a estes 2.000 euros, a asociación poderá ofrecer apoio económico ás familias con algún membro que padeza unha enfermidade oncolóxica e que afronten dificultades socioeconómicas, para minimizar o risco de exclusión social e garantir a adherencia ao tratamento.
A concelleira quixo agradecerlle á veciñanza “o seu compromiso co medio ambiente e coas asociacións beneficiarias do programa”, cuxo desempeño resulta imprescindible para acadar a plena inclusión, “así coma unha sociedade máis comprometida, obxectivos cos que se traballa a diario desde o Concello”. Ana Fernández avanzou que a seguinte asociación de carácter social á que se lle poderán facer doazóns a través de Reciclos será a Asociación contra o Dano Cerebral Adquirido, e animou a todos e todas as ourensás a seguir usando este sistema co que contribúen á circularidade dos envases -a darlles unha nova vida- e, ademais, colaborar con proxectos tan nobres e necesarios.
Así mesmo, Bruno de Llano, especialista de Ecoembes en Galicia, agradeceulle ao Concello de Ourense a súa confianza por apostar por Reciclos, e salientou “a colaboración, compromiso e conservación” que supoñen este tipo de xestos. “Os ourensáns, ademais de reciclar máis e mellor,
contribúen con este simple xesto a coidar do medio ambiente e a axudar a quen máis o necesita”, dixo.
Pola súa banda, o presidente da asociación, Germán Rodríguez-Saá, sinalou: "Queremos agradecerlle ao Concello de Ourense e a Ecoembes por colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro de Ourense para sumar máis recursos necesarios para pacientes de cancro e os seus familiares. A doazón será destinada para o programa de Axudas económicas para situacións de emerxencia social, co fin de dar resposta a moitas familias en Ourense e ao aumento de risco de exclusión destas."
Mónica Luque, da Asociación contra o Dano Cerebral Adquirido, colleu o relevo da AECC e animou a cidadanía a seguir colaborando en iniciativas coma esta que redundan na mellor organización de entidades coma a súa.
Reciclar no contedor amarelo
Reciclos chegou á localidade de Ourense en marzo deste ano, instalando tecnoloxía nos 958 contedores amarelos da localidade, onde os veciños poden reciclar os seus envases e obter recompensas. Desde entón, xa son 5.067 os veciños e veciñas de Ourense que usan este sistema de reciclaxe.
Para facer uso deste sistema, os cidadáns só teñen que descargarse a app gratuíta Reciclos e, en casa, escanear o código de barras da lata ou botella de plástico que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao contedor amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala alí e escanear o código QR que hai no contedor. Así, obterán puntos denominados “reciclos”, que poderán cambiar polas distintas recompensas que teñan dispoñibles.
Este programa púxose en marcha a mediados do mes de marzo de 2023 co obxectivo de fomentar a reciclaxe de envases e co de promove unha economía verde e circular. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas de Ourense poden reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos 958 contedores amarelos das rúas da cidade -que incorporan un código QR- e obter recompensas que poden doar a asociacións locais de carácter social.