Ourense Cidade

O Concello de Ourense está a mellorar a estética da cidade con máis de 20.000 novas plantas

As accións céntranse na posta en valor dos espazos urbanos máis transitado

Óscar Gómez

Ourense |

Isleta San Rosendo | Concello de ourense

A Concellería de Medio Ambiente iniciou, ao longo desta semana, os traballos de mellora da estética da cidade, que se están centrando na plantación de nova xardinería e na posta en valor dos distintos elementos decorativos florais, caso das xardineiras: retiráronse un total de 58 para o seu lixado e pintado, de forma que poidan volver ás rúas xa decoradas con planta de tempada.

Esta acción en marcha, lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, ten unha fin: “que os ourensáns volvan gozar e presumir da súa cidade, paseando por unha urbe chea de cor, da cor que lle proporcionarán as máis de 20.000 novas plantas e decoracións florais”. Pretende, tamén, “servir de reclamo para que as rúas comerciais recobren a súa vida e luzan con maior esplendor, incentivando as compras na cidade”, asegura.

As especies florais elixidas para os acondicionamentos inclúen plantas e flores de tempada como as begonias, caraveis (tajetes patula), ou alegrías (sunpatiens), entre outras. Todas elas, con cores vistosas que devolvan a ledicia á cidade.

As actuacións abarcan espazos singulares da cidade coma a zona das Burgas, a zona vella, a praza do Bispo Cesáreo, Avda. Otero Pedrayo ou a zona do parque de San Lázaro. Pero tamén espazos representativos da trama urbana, como as glorietas de Nexus, o acceso Centro, Nosa Señora da Saínza, ou Bonhome, zonas de grande tránsito de ourensáns e visitantes.

A estas zonas debemos sumarlle as actuacións que se realizarán no resto dos barrios: Cuña- Mariñamansa, Polvorín-Cruceiro, Alfredo Brañas, Avenida de Santiago ou Río Mao… Así até máis de 50 intervencións en toda a cidade, coa fin de mellorar a estética de Ourense.

Para Jorge Pumar esta actuación “permitirá que a cidade luza unha nova cara, máis amable e bonita, para que os ourensáns desfrutemos e presumamos dela, pero tamén servirá para que a cidade sexa máis atractiva, elemento que está chamado a ser fundamental na recuperación do turismo de Ourense”.

O Concello analiza os novos sistemas de túneles e arcos de desinfección para a súa colocación

Co obxectivo de ampliar as medidas de seguridade, así coma de prevención, despois do que está acontecendo coa covid-19, o Concello de Ourense analiza novos sistemas, neste senso os túneles e arcos de desinfección. Deste xeito, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado pola concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, visitaron a empresa ourensá, asentada no polígono de San Cibrao das Viñas, Myboxexperiencia, cuxos responsables, Aníbal Blanco, e David González amosaban o traballo que veñen realizando neste campo, e que esperan comercializar en breve, á espera de contar coas últimas certificacións.

Visita do alcalde a empresa Myboxexperiencia | Concello de ourense

O rexedor, despois da visita realizada ás instalacións que ten a empresa, ver os sistemas de túneles e arcos de hixienización e purificación, que se pode utilizar tanto para persoas coma animais, e que é totalmente eficaz, segundo o reflicten as probas e os certificados, puxo en valor o “carácter innovador” da empresa, utilizando para elo containers marítimos, e o proceso denominado “produto box” (ácido hipocloroso xenerado en situ), que xa está autorizado en Europa e se vén utilizando, co que se garante a hixienización e a desinfección, evitando deste xeito riscos.

É por iso que por parte do Concello se estudará a posibilidade de colocar e utilizar este tipo de sistemas en zonas da cidade, coa intención de que teña como finalidade ser unha medida de seguridade para toda a cidadanía. Neste senso, o alcalde entende que todos os mecanismos que se poidan implantar, e que contribúan á seguridade sanitaria “debemos telos en conta”, polo que se realizará un estudo para a súa futura implantación. Ademais de pór de manifesto o traballo que realiza esta empresa ourensá.