A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Jorge Pumar, inicia o vindeiro 11 de outubro os traballos de podas 2021-22 na cidade. Así, o Concello ten previsto actuar, ata finais do mes de marzo, en máis de 4.800 árbores situadas nas rúas e zonas verdes dos barrios da cidade.
Jorge Pumar destaca que “este plan de podas foi elaborado revisando árbore a árbore a cidade, xa que para min era clave coñecer o estado de situación da nosa masa arbórea para poder tomar as medidas adecuadas para a súa protección e conservación”. Subliña Pumar que as actuacións do plan recollen tamén as demandas dos veciños.
As principais actuacións contempladas na campaña son podas de mantemento, rebaixe ou ambas, mantemento e rebaixe. Ademais, para favorecer o crecemento óptimo das árbores novas que aínda non teñen consolidada a súa copa, realizaranse podas de formación.
Nas árbores de maior altura os operarios centraranse na redución do volume e altura das copas dalgunhas árbores que presentan estruturas descompensadas, voluminosas ou ramas quebradizas, reducindo riscos para a cidadanía e mellorando o desenvolvemento da árbore. Na maioría dos casos, os traballos centraranse en poda de refaldado e eliminación dalgunhas ramas interiores para airear as copas. Os labores incluirán a corrección das incidencias que afecten a diversas infraestruturas como fachadas, semáforos, pasos de peóns, etc. Ademais, incorporaranse solicitudes de podas propostas por veciños, para atender as súas demandas.
Para a execución da campaña de poda séguense as prescricións técnicas marcadas no prego do contrato de conservación dos espazos públicos e zonas verdes e priorizando os criterios de seguridade, necesidade técnica e prevención fitosanitaria.
Os traballos foron planificados en tres fases que se irán executando ao longo do período de poda. As actividades foron planificadas coa fin de optimizar o período de ocupación de rúas e así reducir as posibles molestias causadas polas actividades para desenvolver. Baixo ese criterio executarase, ben por zonas e rúas enteiras ou por tramos, de forma que todo o arborado dun mesmo ámbito quede podado, optimizando así os recursos dispoñibles (persoal, medios, rendementos...).
Os traballos iniciaranse por aquelas rúas que serán protagonistas do alumeado do nadal evitando desta maneira molestias e atascos innecesarios para a cidadanía.
A rúa do Paseo, no centro, Peña Trevinca e Coruña na zona do Posío, Vila Real e Praza do Couto no barrio de dito nome, ou Avenida de Marín no barrio da Ponte serán as rúas de comezo dos traballos de poda.
Planificación das rúas de actuación no mes de outubro
- Bedoya
- Cardenal Quevedo
- Saenz Díaz
- Emilia Pardo Bazán
- Samuel Eijan
- Doctor Marañón
- Dalí
- Doctor Fleming
- Francisco de Moure
- José Álvarez González
- Picasso
- Río Mao
- Río Xares
- Vicente Risco
- Camino Caneiro
- Rúa Castelao
- Faílde Gago
- Luis trabazos
- Nuño Ousende
1.300 árbores en zonas verdes e 3.500 no viario urbano
En total, a previsión é actuar durante cinco meses en 4.800 exemplares (1.300 árbores en zonas verdes e 3.500 no viario urbano), a metade dos dispoñibles nos parques e rúas da cidade. Realizaranse podas en 94 rúas da cidade e 103 zonas verdes do conxunto urbano e periurbano de Ourense.
Pumar indica que as previsións iniciais de podas poden ser modificadas para atender novas demandas que xurdan na cidade ou entre a veciñanza.
Podas aproveitando a parada vexetativa das árbores
Como todos os anos, a campaña de poda comeza coincidindo co inicio da parada vexetativa que produce a baixada de temperaturas. É o período máis adecuado porque se minimiza a tensión e a perda de zume na árbore, sobre todo para podas de rebaixe, que son as que actúan sobre as ramas de maior perímetro para reducir, tanto o peso da copa como a altura do exemplar, e así equilibrar e compensar a súa estrutura.
Prevese que a campaña de poda 2021-2022 finalice antes do final de marzo, xusto antes de que as árbores empecen a brotar, aínda que podería alongarse dependendo das especies e das condicións meteorolóxicas.
Así mesmo, se estas actuacións supuxesen cortes de tráfico ou ocupación de vía, esta será sinalizada con 48 horas de antelación, para o oportuno aviso aos veciños e que a cidadanía poida retirar os vehículos afectados.
Os traballos de poda na cidade completaranse cos labores das brigadas de Medio Ambiente nos espazos de responsabilidade directa municipal.
Para Jorge Pumar, o desenvolvemento deste plan de poda “é clave para preservar a saúde das árbores da cidade”. Unhas árbores, lémbranos, “que son vitais para mellorar a calidade de vida de todos nós, polo seu labor como reguladores do clima da cidade, como absorbentes de contaminantes e como barreiras naturais de ruídos e molestias”.