O Concello de Ourense organiza por segundo ano consecutivo as Festas da Ponte, que se desenvolverán desde o sábado 22 até o martes, 25 de xullo. Serán catro días de actividades, segundo avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña a presenza de “orquestras top” e festas para a mocidade durante todos os días, atraccións de feira e remate con tirada de fogos artificiais. Estas serán as actuacións:
- Sábado, 22: Macro discoteca Éxtasis (Festa da Xuventude) e Grupo Tattoo
- Domingo, 23, o grupo JB Son e La banda de ayer
- Luns, 24, Disco-móbil A Gramola (Festa da Xuventude) e orquestra La Misión
- Martes, 25, grupo Horizon, orquestra Marbella e fogos artificiais
O Concello de Ourense asume a organización das festas do barrio, que non contaban cunha comisión que as levase a cabo. Neste escenario, subliña o rexedor que “non iamos deixar que neste barrio tan importante de Ourense, o barrio por excelencia, quedase sen festexos. Co cal, o Concello de Ourense vainas facer e ímolas facer ao grande. O ano pasado foron unhas boas festas e este ano van ser moito mellores”, asegura Pérez Jácome.
O rexedor detalla que serán catro días de festas, con actuacións musicais todos os días: “moitas e moi boas”, entre as que destaca, a noite do 24, a orquestra La Misión, unha das “top 5 español”, xunto aos demais espectáculos musicais, as festas da mocidade e a tirada final de fogos artificiais.
Explica Pérez Jácome que “mantemos a filosofía de que Ourense teña grandes festexos, moitos focalizados no centro da cidade, como é o Halloween, o San Martiño, o Nadal ou as Festas de Ourense de fin de curso, e despois temos catro grandes festas seguindo os puntos cardinais de Ourense, que son norte (A Ponte) sur (Barrocás), leste (O Couto) e oeste (San Francisco), e a maiores, as dos barrios, como recentemente foron as de Santa Cruz Arrabaldo”.