Ourense Cidade

O Concello de Ourense organizará en primavera unha nova edición do Concurso de Pinchos

O alcalde Gonzalo Jácome reuniuse no Concello coa Unión de Hostaleiros de Ourense para avanzar nos preparativos do certame, que se desenvolverá do 21 de abril ao 1 de maio.

Óscar Gómez

Ourense | 02.03.2023 08:10

O Concello de Ourense organizará en primavera unha nova edición do Concurso de Pinchos
O Concello de Ourense organizará en primavera unha nova edición do Concurso de Pinchos | onda cero

O Concello de Ourense organizará esta primavera unha nova edición do Concurso de Pinchos. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse no salón de plenos do Concello co presidente, Javier Outomuro, e directivos da Unión de Hostaleiros de Ourense, para avanzar nos preparativos do certame, que se desenvolverá do día 21 de abril até o día 1 de maio coa finalidade de “estimular a hostalaría local e darlle un estímulo máis á veciñanza”, explicou o rexedor.

O Concello de Ourense quere revitalizar e darlle un claro impulso ao certame, incorporando relevantes novidades. Explica Pérez Jácome que “a última edición, xestionada polo PP, fora moi deficiente, porque o concurso caera en forza, visibilidade, tamén a degustación e grao de coñecemento. Pasara case desapercibido, e non ocorrerá así nesta ocasión”, aseverou. Xa que logo, avanza que o concurso da primavera de 2023 será “máis ameno, será máis doado votar, outorgará mellores premios e terá moitísima máis visibilidade e notoriedade entre os cidadáns”.

Poderán participar os locais de hostalaría da cidade que se inscriban a través do enderezo de correo electrónico concursodepinchosdeourense@gmail.com . Deberán ofrecer pinchos a un prezo de entre 2,5 e 3,5 euros.

O certame contará con 3 primeiros premios outorgados polo xurado profesional, un premio destacado do público, un premio ao mellor pincho celíaco, outro que se concederá por votación a través de app, e un premio ao pincho máis creativo, por parte do xurado profesional. Os premios serán “moito mellores” ca en anos anteriores.

Outra das novidades é que este ano os locais gañadores deberán seguir ofrecendo os pinchos durante un período dun mes, para facilitar que o público poidan degustar as súas creacións. Explica o alcalde que “a diferencia do que se fixo as últimas veces, que era un desastre, xa que unha vez rematado o concurso, a xente quería probar un dos pinchos gañadores e non podía porque non se cociñaban; esta vez vai ser distinto: todos os gañadores terán que seguir ofrecendo o pincho por un mes”.

Como apoio, “desde o Concello premiarémolos cunha campaña de publicidade para que a xente saiba que pinchos e locais gañaron os premios. Terán o beneficio dunha campaña de publicidade moi forte dos seus establecementos, polo que o incentivo vai ser moi superior, tanto para os locais como para os consumidores”.

--