O Concello de Ourense conta cun remanente de tesourería de 130 millóns de euros. Así o reflexa a liquidación dos orzamentos do Concello do exercicio 2022, que recibiu esta semana o goberno municipal. As contas evidencian o gran “músculo financeiro” e a “robustez económica” do Concello, asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña o feito de que “despois de realizar centos de obras na cidade”, o Concello dispón aínda dun remanente de tesourería similar ao que tiña hai 4 anos. “As contas do Concello de Ourense son a envexa dos concellos de toda España”, afirma Gonzalo Jácome.
O remanente de tesorería é o indicador que reflexa a situación de liquidez dun Concello ao peche dun exercicio, a cantidade que se atopa dispoñible para financiar gastos, polo que resulta un indicador clave para valorar a solvencia financeira a curto prazo da entidade local. No caso do Concello de Ourense, ascende a 130.462.246,64 euros.
O dato “reflexa unhas contas do Concello de Ourense que son a envexa dos concellos de toda España en relación ao noso orzamento anual, porque somos os que mellores contas temos, onde se demostra un músculo financeiro impresionante, despois de facer todo o que se fixo”, asegura Gonzalo Jácome.
O alcalde lembra que en 2019, o Concello tiña un remanente de tesouraría de 100 millóns de euros, dos que 30 estaban comprometidos, polo que quedaban 70 para libre gasto. Hoxe, 4 anos máis tarde, explica, “despois de facer centos de obras en rúas e parques da cidade, de organizar festas e instalar luces de Nadal como nunca se fixera, e desenvolver proxectos de mobilidade como o da rúa da Concordia, e moitas outras actuacións, o Concello ten a día de hoxe un remanente de tesouraría de 130 millóns de euros brutos, 30 máis de cando entramos no Concello, cuns gastos comprometidos en torno a uns 60, polo que quedan de libre disposición 70 millóns de euros”. Incide o alcalde en que “despois de ter o IBI ao mínimo, cobrando pouquísimos impostos, e facer cantidade e cantidade de obras, o Concello segue dispoñendo da mesma cantidade que hai 4 anos, e segue sendo o que mellor estado ten de toda España, amais de ser un dos poucos con débeda cero”.
“Contra os contos, están as contas”, asegura Pérez Jácome, quen manifesta que estes datos “demostran que é unha falacia absoluta o que din algúns de que o Concello ten probemas financeiros ou que está en bancarrota. É todo o contrario: o Concello de Ourense é o que ten os mellores números, o que mellor remanente e tesouraría ten e o que mellor está financieiramente de toda España”.