A programación do Concello de Ourense para reivindicar o 8 de marzo (8M), Día Internacional das Mulleres, terá un carácter eminentemente festivo este 2023. Baixo o lema de 'SEMPRE!', as actividades estenderanse desde o propio día 8, cando haberá un acto institucional no salón de plenos, até o 29 de marzo, co obradoiro 'Pensar (Nós) as mulleres' e a presentación de 'O rueiro que queremos: feminino e plural'. E, ademais, contacontos en colexios de diferentes etapas educativas, música, circo, poesía, cine... coa idea de invitar “á reflexión para seguir conquistando metas”, en palabras do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Durante a presentación, o concelleiro de Igualdade, Telmo Ucha, reforzou a idea do rexedor, e avogou pola “prevención para que poidamos celebrar o 8M nun horizonte de igualdade”.
Porén, “hai conquistas que damos por feitas, pero están experimentando un retroceso”, segundo alertou a directora do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM), Malena De Jesús. É por iso que moitas das actividades están orientadas a un público mozo, con cada vez máis presenza nos servizos de atención do CIMM: “Un 10% das nosas usuarias son menores”, relataba a directora desta institución municipal, “e o 85% do total dos casos que atendemos son por violencias”, dixo.
Malena De Jesús agradeceu tamén o labor das forzas de seguridade (nas que recae o Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades deste ano), xa que grazas á dedicación da Policía Local e aos programas VioXen ou aos de atención á muller e á infancia, tanto da Policía Nacional coma da Garda Civil, avanzouse na detección de casos de violencia. No entanto, acabou reivindicando unha maior dotación nos CIMM, especialmente en materia de persoal: “cada profesional atende unha media de 120 / 125 persoas cada ano”, explicaba Malena, pero o tempo que lle dedican é escaso: “precisariamos dúas horas con cada unha”, sentenza.
O cartel, deseño do estudo da artista ourensá Patricia Joga, representa as diferentes facetas nas que a muller reivindica o seu espazo e visibilidade, dunha forma especial nas ciencias e nas artes.
Todas as actividades son de balde, con inscrición previa. Haberá servizo de canguraxe e tradución á lingua de signos baixo demanda (avisando 48 horas antes). Máis información, no teléfono do CIMM 988 393. 191 -en horario de mañá- ou no enderezo de correo concelleriamuller@ourense.es.
Programa
Mércores, 8 de marzo
- Contacontos: Sen medo, con Trécola Teatro. Centros de Educación Primaria Manuel Luís Acuña e Mariñamansa. Horario de mañá.
- 12:00 horas. Salón de Plenos.
Acto institucional: Lectura do manifesto do Día Internacional das Mulleres
Xoves 9 de marzo
- Contacontos: A gran pequena inventora, de Trémola Teatro. Centros de Educación Infantil Mestre Vide e Curros Enríquez. Horario de mañá.
- Contacontos: Sen medo, con Trécola Teatro. Centros de Educación Primaria A Inmaculada e Irmáns Villar. Horario de mañá.
- Contacontos: Subterránea, de Mónica Sueiro. Centros de Educación Secundaria Universidade Laboral e Ferro Couselo. Horario de mañá.
- 20:00 horas. Liceo de Orense.
Entrega do XVII Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades.
Venres 10 de marzo
- Contacontos: A gran inventora, de Trémola Teatro. Centros de Educación Infantil A Ponte e Vista Fermosa.Horario de mañá.
- Contacontos: Subterránea, de Mónica Sueiro. Centros de Educación Secundaria Portovello e Julio Prieto Nespereira. Horario de mañá.
- 19:30 horas. Praza Maior. Concerto de The Tetas 'Van e de Broken Peach
Martes 14 de marzo
- 20.30 horas. Casa da Cultura (rúa do Concello 11). Cine: La revolución bailando. Dir. Julia Rebato e Eli Martín. España 2020. Documental. Colabora: Cineclube Padre Feijoo.
Mércores 15 de marzo
- 20:00 horas. Teatro Principal. Circando - Mulleres e Circo
Con Isabel Risco, actriz e presentadora, Sue Moreno, actriz, trapecista, bailarina e acróbata aérea, Lila Star, contorsionista, Marta Sempre Arriba, acróbata aérea e clown, e Fani Triana, maga.
Xoves 16 de marzo
- 17:30 / 20:30 horas. Concellería de Igualdade CIMM (rúa do Ensino 24).
Obradoiro Muller e Corpo- Imparte: Mar Márquez, bailarina e sexóloga. Inscricións: CIMM
Luns 20 de marzo
- 12:00 horas. Salón de Plenos. Presentación do IV Plan de Equidade do Concello de Ourense.
Interveñen: Telmo Ucha, concelleiro de Igualdade, e Silvia Pérez Freire, socióloga experta en xénero e profesora da Universidade de Vigo.
Venres 24 de marzo
- 20:00 horas. Mur Marxinal (rúa Manuel Murguía 11)
Poesía escénica, con Nuria Vil, narradora oral. Finalista do Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández 2022.
Mércores 29 de marzo
- 17:30/20:30 horas. Concellería de Igualdade CIMM (rúa do Ensino 24)
Obradoiro para mulleres: Pensar (Nós) mulleres. Imparte Ana Pérez Cardoso, educadora social do CIMM.
- 19:00 horas. Sala Valente (rúa do Paseo 20)
Presentación do libro e do vídeo O rueiro que queremos: feminino e plural
Interveñen: Malena De Jesús, Rosa Mª Cid Galante e José Antonio López Feijóo.