O proxecto presentado alcanza a cifra de investimento de 2.784.844,78 euros, coa fin de realizar unha intervención completa que permita apostar pola sosteñibilidade, creando un espazo onde “o verde gáñelle ao cemento, evocando as súas orixes como parque botánico; e onde a fauna e a flora volvan ser os protagonistas, como sempre o foron neste emblemático parque ourensán”, afirma o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar.
O director do proxecto técnico, Roberto González, destaca que a intervención baseouse en dous principios: respectar e preservar os espazos de maior valor paisaxístico e intervir de forma contundente nos espazos máis degradados polo uso e o paso do tempo.
O proxecto prima a conservación e mellora da flora presente, apostando pola posta en valor das especies arbóreas e das coleccións botánicas existentes nas mesmas, preservando desta maneira as orixes botánicas do parque. Os traballos de xardinería incluirán novas plantacións e a incorporación de novas especies ás máis de 100 variantes xa presentes.
O espazo de xogos será completamente transformado para incorporar xogos atraentes para nenos, creación de novos espazos de lecer familiar e a incorporación e renovación completa dos xogos infantís do parque. Á vez actuarase na zona mellorando a presenza arbórea para estender o concepto de parque botánico da súa orixe. A actuación ten un fin, evocar a forma dun bosque, en recordo do nome polo que sempre se coñeceu esta parte do Posío entre os veciños. Para elo o equipo deseñador incorpora novos xogos que emulan árbores e casiñas do bosque buscando a creación dun espazo de ocio familiar cómodo e a vez divertido.
A zona central do parque recibe unha especial atención no proxecto cunha profunda transformación que permitirá a recuperación natural do seu chan, e á vez aumentará o seu espazo vexetal, en detrimento do actual cemento froito da anterior reforma.
Adquirirá de novo protagonismo a zona da Rosaleda, que a maior parte dos veciños lembran con afecto e agarimo. A nova Rosaleda deseñouse con formas xeométricas rectangulares. Á súa vez, os xardíns con céspede e flores estarán limitados por sebe de Myrtus communis, e en cada xardín con céspede e flores colocaranse diferentes coleccións de rosas, empregando diferentes tipos (roseira de pé baixo, roseira arbustiva, roseira paisaxística, roseira híbrida de té, etc...) e diferentes variedades e cores. Como elemento decorativo na base empregarase cortiza de piñeiro. As diferentes variedades de roseira trepadora distribuiranse ao longo da pérgola proxectada para recuperar unha das imaxes icónicas deste parque.
Na zona das coleccións botánicas a intervención centrase na plantación de novas especies e conservación das actuais. Ademais apóstase por reforzar o espazo como unha zona de paseo e de conversas entre a natureza. A actuación recuperará o esplendor da zona de paseo de palmeiras, e intervirase para que as zonas da gaiola de animais e da fonte recuperen adornos florais das épocas anteriores. O axardinamento dos noiros (taludes) completarán os traballos de enverdecemento do parque e da súa conversión a un parque máis verde e sostible para a cidade.
Para a zona de cafetería proponse unha nova construción orgánica, adaptada ao novo espazo, coa que se pretende resolver, ademais das necesidades propias interiores dunha cafetería, as necesidades de espazo exteriores de terraza, xerando dúas zonas: unha relacionada coa cota do paseo central, e outra coa parte superior multiusos, que poderán ser usadas para actuacións para nenos ou como terraza para axuntar o lecer dos nenos e dos maiores. Unha das novas melloras presentes é a creación da zona de servizo de terraza adaptable as condicións climáticas das distintas épocas do ano, e que a vez adaptase o contorno do parque eliminando impactos visuais non desexados.
Ademais dun novo equipamento interior, a cafetería presentará unha cuberta exterior vexetal acorde co resto do parque. Proxéctase unha combinación de formas de especies herbáceas e vivaces, en consonancia co deseño da cafetería, combinando os distintos volumes das plantas, tonalidades de verde e a variedade cromática de cores da floración en diferentes épocas ou mesmo das súas follas.
O proxecto tamén contempla a reforma completa do sistema de rega baixo criterios de sustentabilidade de uso da auga, ou a incorporación en todo o espazo de nova iluminación eficiente. Ademais como complemento ofertarase unha zona de aparcamento de bicicletas con cargadores eléctricos para a comodidade dos veciños.
Todos os asistentes á reunión estiveron de acordo en que o proxecto deberá servir para devolver ao Posío o esplendor que todos lembramos, e convertelo no centro de referencia do lecer dos veciños e veciñas de Ourense.
Para o concelleiro de Medio Ambiente, “a reunión serviu para darlle o empuxón definitivo ao desenvolvemento do proxecto e, desta maneira, poder realizar un parque da man dos veciños que son os verdadeiros coñecedores da historia e das necesidades das familias ourensás. Ourense terá o parque que merece”, recalca Jorge Pumar.