Baixo a premisa de que “o que non se nomea non existe”, a Concellería de Igualdade do Concello de Ourense presentou esta tarde, na Sala Valente, o libro O rueiro que queremos: feminino e plural, unha proposta para nomear novas rúas e espazos públicos da cidade ao tempo que un acto de xustiza coas mulleres ourensás que transcenden e transcenderon en diferentes campos e disciplinas, pero que non acadaron a merecida visibilidade. Con este acto -xunto ao obradoiro 'Pensar (Nós) Mulleres', impartido por Ana Pérez Cardoso, educadora social do CIMM-, o Concello pecha os actos do Día Internacional das Mulleres.
A presentación do libro contou coa presenza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen salientou que “a igualdade é un camiño que non debemos deixar de andar”, e constitúe a fin dun proceso de máis de cinco anos de encontros coa veciñanza de Ourense, colectivos e institucións que participaron de forma entusiasta na convocatoria de feminización do rueiro. Desta investigación xurdiron 36 nomes, desde a figura das avoas até á das irmás Touza, Celia Bouzas, Erundina Álvarez, Josefina Salgado, Laura Bugalho, Cuca Tovar, Nieves Fariza, Olga Gallego, Olimpia Valencia, Begoña Muñoz, Esperanza Martín, Mariluz Villar ou a mesmísima Rosalía de Castro (que lle dá nome a un tramo de escaleiras), coas que a cidade de Ourense mantén unha débeda histórica.
“Falamos de espazos que son, ou deberan ser, de todas e de todos. Ou é que non hai mulleres relevantes abondo merecedoras de tal honra? Se tanto convencemento existe do moito que se ten avanzado en igualdade de dereitos e de oportunidades, u-las mulleres no rueiro ourensán?”, reflexionaba Malena de Jesús, directora do CIMM, quen dirixiu e escribiu o libro xunto á profesora e autora do blog As nosas Mulleres ourensás, Rosa María Cid Galante. A edición conta co deseño da artista ourensá Patricia Joga e coas ilustracións de Marcos Castillo.
Formato vídeo
Ademais do libro, o acto serviu tamén para presentar un vídeo co mesmo título, dirixido por José Antonio López Feijóo, que quere contribuír a iluminar “os espazos de sombra, tan solidamente construídos polo patriarcado e aos que inxustamente condena, por ocultación e esquecemento, a tantas e tan extraordinarias mulleres”. Este recurso pódese atopar na Área de Igualdade do espazo web ourense.gal