O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia os traballos de remodelación integral do parque infantil de Xesús Pousa, no barrio da Ponte.
Os traballos permitirán a instalación completa de novas unidades de xogos para os mais cativos, incorporando novos equipos, tanto de unidades multixogos, como de unidades de xogos individuais. En concreto, instalaranse multixogos especialmente deseñados para este parque infantil en homenaxe á tradición ferroviaria da cidade, e en espacial do barrio da Ponte.
O concelleiro Jorge Pumar resalta que “esta actuación converterá o parque infantil nun referente da cidade, xa que se instalarán multixogos que recrearán unha unidade ferroviaria composta de máquina e varios vagóns coa súa correspondente vía de tren”. O concelleiro de Medio Ambiente lembra que o obxectivo deste proxecto “é dar servizo aos veciños do barrio, pero tamén facer unha homenaxe a todos aqueles ourensáns que desenvolveron a súa vida laboral no mundo do ferrocarril. Homenaxe especialmente significada pola celebración do ano Europeo do Ferrocarril, e por ser o ano que todos recordaremos pola histórica chegada do AVE a nosa cidade”, explica Jorge Pumar.
A empresa adxudicataria informa, ademáis, que é a primeira vez que constrúe e instala este deseño de multixogos en España, e lembra que o proxecto foi deseñado a medida do parque infantil de Xesús Pousa, e das características históricas do barrio ourensán.
A actuación enmárcase no conxunto de traballos deseñados no Plan de Mellora de Parques Infantís da cidade, que sumará actuacións en 70 parques da cidade. Esta actuación súmase as xa iniciadas no barrio da Cuña, zona da Alameda, Santa Teresita, Sagrado Corazón na Carballeira, ou na zona das Mercedes ou do parque Barbaña